28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou esta mañá, a través de Augas de Galicia, o Plan de Control de Vertidos por un importe de 5,2 millóns de euros á empresa Geseco. Esta iniciativa ten como obxectivo levar a cabo a inspección e seguimento exhaustivo das verteduras en Galicia. Con este investimento o Goberno galego dá un paso máis no desenvolvemento e execución do Plan de Infraestruturas Hidráulicas, concretamente en materia de xestión do dominio público hidráulico (DPH).


O obxecto do contrato é a identificación, o control e a corrección das verteduras existentes ao dominio público hidráulico e dominio público marítimo-terrestre, mediante o establecemento dunha unidade técnica destinada ao control das ditas verteduras e da calidades das augas.

Este programa e o seu investimento divídense en tres fases que fan posible o control de verteduras nas augas de 157 concellos, nos que Augas de Galicia ten competencias. Na demarcación centro, que será a encargada de dirixir o plan, investiranse case 3 millóns de euros, que se empregarán tamén para a xestión do sistema de alertas, a elaboración de informes técnicos e o control informático. Así mesmo, nas demarcacións norte e sur o gasto superará o millón seiscentos mil euros.

O anuncio deste plan de inspección tamén foi enviado ao Diario Oficial das Comunidades Europeas neste mesmo mes de agosto, e o prazo de execución é de 36 meses.

Obxectivo: a mellora das augas
O Plan de Control de Verteduras de Augas de Galicia é un proxecto ambicioso e necesario para mellorar a calidade das augas galegas, propósito no que está a traballar exhaustivamente o Goberno galego e que ten como obxectivo que no 2015 estean saneadas as rías e as augas de Galicia, tal e como se establece no Plan de Infraestruturas Hidráulicas que foi presentado a comezos de agosto.
Este plan recolle un investimento dun total de 390,3 millóns de euros para obras de saneamento, dos cales 256,6 corresponden a novas actuacións. O saneamento centra o maior pulo investidor, xa que supón o 45% do orzamento total do plan, cunha incidencia moi especial nas rías galegas. Para o capítulo de abastecemento resérvanse 208,7 millóns de euros, o 24% do total. A mellora das marxes das bacías fluviais recibirá un orzamento de 47,8 millóns de euros e o control dos puntos de vertedura en ríos e costa 37 millóns de euros.

Inventario actual
No día de hoxe, nas inspeccións levadas a cabo por parte de Augas de Galicia detectáronse un total de 7.073 puntos de vertedura repartidos polos 128 concellos inspeccionados ata o momento. Débese sinalar tamén que con este plan se traballa en máis ámbitos que nas rías, xa que atende tamén as augas procedentes de ríos e lagos.

Neste sentido, é importante destacar que por puntos de vertedura enténdense todas aquelas zonas polas cales se emite un caudal ao dominio público hidráulico, de xeito que se catalogan do seguinte xeito:


CARACTERÍSTICAS DE PUNTOS DE VERTEDURA INVENTARIADO


Con presenza constatada de emisións contaminantes


Con indicios de verteduras de augas residuais, como olores ou turbidez


Considerados, a priori, como puntos de verteduras de augas pluviais


Puntos corrixidos ou con ausencia de contaminación


Así, do total de verteduras inventariadas, 4.986 puntos, é dicir, un 70,49% son a dominio público hidráulico (ríos e desembocaduras), mentres que 2.094 puntos, un 29.61%, son a dominio público marítimo-terrestre (ribeiras).



Maior urxencia
O Goberno galego traballa para a erradicación total de todas as verteduras nas augas galegas, pero existen puntos aos cales se debe atender canto antes. Por iso, dos 7.073 puntos inventariados, 2.617 considéranse de carácter prioritario, xa que son zonas en que se constatou, en máis dunha inspección, a existencia de contaminación ben de maneira fidedigna, mediante o correspondente informe analítico, ben por indicios visuais de contaminación. Estas verteduras supoñen o 37 por cento do total de verteduras inventariadas ata a data.

Causas xerais das verteduras
Un dos maiores problemas con que se atopa a Administración galega está nos concellos, posto que a maior parte das verteduras contaminantes detectadas teñen orixe municipal, en concreto 1.757 puntos de carácter prioritario que rematan en dominio público e son consecuencia de distintos factores: algúns son por deficiencias nas redes de saneamento; verteduras puntuais de alivios das devanditas redes; conexións erróneas en redes separativas; e carencia de sistemas de saneamento ou de depuración.

Por outra banda, parte das verteduras con materia contaminantes teñen orixe particular. Cabe destacar que, ata o momento, se localizaron un total de 452 verteduras contaminantes con esta orixe. Outra parte das verteduras contaminantes son de orixe industrial, das que se contabilizaron 349 puntos.

Por último, existen 59 puntos de vertedura contaminantes cuxo orixe é descoñecido. Estes puntos supoñen un 0,83 % das verteduras inventariadas.