27/1/10

Alcalde y Teniente de Alcalde de Vigo acaban abiertamente enfrentados por el asunto de las Caixas

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, salientou hoxe que quen se sume á manifestación convocada para o vindeiro 9 de febreiro en contra da fusión “defenderá a unión de Caixanova con caixas de fóra”. O nacionalista salientou que “non se vai defender a Vigo”, o que se vai apoiar nesa mobilización “é unha opinión política sobre un tema determinado”, que non quere que Galiza teña unha entidade financeira forte como teñen outros territorios do estado español.
“Non comparto certas actuacións do alcalde desta cidade”, manifestou Santi Domínguez respecto á convocatoria de manifestación. Referíuse ao feito de que se faga o anuncio o día antes da celebración do Consello Social. Ao respecto criticou que se convoque unilateralmente a mobilización sen ter escoitado antes as opinións dos integrantes do Consello Social. O nacionalista calificou ese xeito de actuar de “falta de respeto” diante dos sindicatos, empresarios, veciños e veciñas, colexios oficiais e Universidade de Vigo, entre outras entidades, aos que se ten convocado para participar nese organismo co obxectivo de expresar a súa opinión sobre o futuro financeiro.
O tenente de alcalde recoñeceu que as persoas que se mobilicen terán “toda a lexitimidade para facelo”, pero indicou que se manifestarán a favor dun SIP que dará lugar á creación dun banco central con sede en Madrid. “Isto non o dicimos nós, senón que o dixo o gobernador do Banco de España onte en Vigo”, lembrou na súa intervención. Recordou asemade que segundo dixo Fernández Ordóñez o SIP é un proceso irreversible e que ao seu xuízo a fusión é boa sempre que sexa solvente.
Santi Domínguez quixo aclarar tamén que o proceso de fusión “non significa que nos vaian a roubar nada” e comentou que quen así fala “mete medo na xente”.  Ao respecto indicou que só hai dous escenarios posibles, “que as caixas se vaian para fóra ou que as caixas galegas se queden en Vigo e en Galiza, e isto é o que defende o BNG”. O nacionalista fixo fincapé en que a mesma metodoloxía e os mesmos criterios que serviron para facer a auditoría que presentou a Consellería de Facenda foi avalada polo gobernador do Banco de España noutros procesos de fusión.
En resposta aos medios sobre a cuestión de se a diferenza de parecer neste tema nas dúas forzas que integran o goberno de Vigo podería supoñen unha ruptura, Santi Domínguez afirmou que o alcalde ten potestade de convocar unha movilización, como pode facer el mesmo, pero que a división de opinións “non interfire na boa marcha do goberno municipal porque no pacto non se fai referenza a este tema. Somo dúas forzas políticas diferentes, que en algunhas cuestións temos posicións diferentes e esta é unha delas”.
 No tocante á postura que o BNG vai manter no Consello Social convocado para mañá, o tenente de acalde dixo que o BNG “vai manifestar a súa opinión sobre o futuro das caixas e escoitará aos colectivos que integran o CES”. Finalmente, Santi Domínguez aclarou que ás eleccións do 1 de marzo pasado o BNG se presentou cun programa no que apostaba por unha nova lei de caixas, a fusión e a creación dunha única caixa galega.