28/1/10

Analizan o borrador do decreto -no que respecta ao arte do palangrillo- que ten programado redactar a Consellería do Mar para regular as artes e aparellos permisibles en Galicia

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio, mantivo un encontro co Presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Benito González, cos representantes das tres Federacións Provinciais de Confarías –A Coruña, Lugo e Pontevedra- e con dous representantes do palangrillo de cada provincia, para analizar o borrador do decreto -no que respecta ao arte do palangrillo- que ten programado redactar a Consellería do Mar para regular as artes e aparellos permisibles en Galicia.


A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños enviou este borrador a todas as Confrarías da nosa comunidade, así como ás tres Federacións Provinciais de Confrarías e á Federación Galega de Confrarías de Pescadores. O próximo luns o borrador enviarase á todas as asociacións, cooperativas e organizacións de productores, é dicir, a todos os axentes implicados, para que, por escrito, acheguen as súas propostas. Unha vez remitido aos principais protagonistas, a Consellería do Mar continuará coas xuntanzas cos representantes de todas as artes e aparellos.

Na primeira das reunións deste tipo abordouse a arte do palangrillo. Un dos principais asuntos que plantexou o responsable de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños é a ampliación da súa lonxitude máxima de xeito que os metros de cabo pasarían dos 3.000 aos 3.500 e do número de anzois que se poden empregar, que aumentaría de 1.000 a 1.500.

O obxectivo das xuntanzas que o director xeral manterá todas as semanas durante os próximos meses é tentar unificar criterios para a elaboración definitiva do decreto. Pablo Fernández Asensio agarda a colaboración de todas as Confrarías e asociacións para elaborar unha normativa co consenso de todas as partes implicadas e baixo a premisa fundamental da mellor preservación dos recursos.