27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, explicou esta mañá nunha entrevista da TVG, que a fase de tramitación que se inicia agora o Plan de Ordenación do Litoral (POL), é dicir, o período de audiencia, é un paso moi importante para definir con concellos os usos e os desenvolvementos, “caso a caso”, de cada núcleo da zona litoral de Galicia. O período de audiencia será de dous meses, tras o que está previsto aprobar o plan de xeito inicial no mes de maio. As previsións da Xunta son que a aprobación definitiva do POL sexa unha realidade en decembro de 2010.


Segundo manifestou, a casuística atopada analizando as 212.000 hectáreas do ámbito de xestión do Plan é moi heteroxénea. Concretamente, detectáronse máis de 11.000 hectáreas de solos urbanizables ou urbanos non consolidados que haberá que analizar en cada caso para determinar os que poden desenvolverse, pero advertiu que nas zonas de protección non se poderá construír, nas de mellora ambiental e paisaxística se analizará como facelo e na de ordenación será o que determine o planeamento municipal .

Nese senso, destacou o papel dos concellos, que cualificou de fundamental e engadiu que con este Plan daranse as pautas para que nos instrumentos de ordenación municipal se protexan zonas específicas que se considera que é necesario preservar, potenciar ou revalorizar. “Apostamos por unha colaboración solidaria e responsable entre ambas administracións”, sinalou.

Borobio destacou que unha das cuestións mais innovadoras do Plan do Litoral é un estudio de integración paisaxística. Explicou que se trata dun traballo que non se pode entender como unha simple operación de maquillaxe, senón que Galicia contará por primeira vez cun documento que permite ver o litoral desde outras ópticas, primando o valor paisaxístico.

Casos excepcións
Aclarou que aínda que nas zonas de protección non se poderá construír, si poderanse facer determinadas intervencións nos núcleos tradicionais do litoral. Nesas zonas, o plan propón acollerse a unha excepcionalidade que a actual Lei de Costas agora mesmo non permite, que é a rexeneración de todos eses núcleos e de todas as construcións, incluso as que se foron abandonando, baseándose no interese social. “Será necesario actuar no patrimonio cultural, e os núcleos e os asentamentos tradicionais que recoñezamos dentro do litoral tamén poderán ter un serie de crecementos, sempre motivados e ordenados”.

Marco legal
Segundo manifestou o director xeral, a medida cautelar establecida pola Lei dos 500 metros ten un carácter provisional, polo que si se quere protexer o territorio costeiro hai que tratar, na delimitación dese ámbito, todas as concas ecolóxicas visuais e os valores naturais que ten Galicia, máis alá da liña dos 500 metros.

“A lei é un medida urxente e cautelar e establece unha moratoria que finaliza en maio –sinalou- e pola contra o Plan do Litoral é un plan de ordenación, no que se estudou todo o territorio”. Apuntou que co este plan iníciase unha nova etapa na que non haberá baleiro legal”.