30/1/10

CAIXAS : Guillerme exige a Feijóo que presente ya un recurso de inconstitucionalidad

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pediu esta mañá ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “deixe de laiarse” e que “apresente xa o recurso de inconstitucionalidade contra o FROB” perante a evidencia de que o Estado “ataca a Lei de Caixas deste País para frear a fusión galega”.

O líder do BNG pronunciouse nestes termos durante o seu encontro cos meios previo ao comezo da manifestación convocada pola CIG en Santiago para defender os servizos públicos galegos perante as políticas privatizadoras impulsadas polo PP.

“Instamos a Feijóo a que non se limite a laiarse. Ten que pór enriba da mesa as armas políticas das que dispón. Debe presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB. Iso vímosllo demandando desde o BNG xa hai ben tempo. Non ten sentido que o demore máis”, aduciu o portavoz nacional.

Para Guillerme Vázquez, o recurso que prepara Madrid non é tanto contra a Lei de Caixas como contra a fusión das caixas galegas. “Está plantexado para frear a fusión. Curiosamente desde un posicionamento inicial ben diferente ao que o Goberno do Estado e o Banco de España teñen en Andalucía -onde si fomentan as fusións- ou en Catalunya -onde non poñen nengún reparo á lei de caixas catalá-”, razonou o dirixente nacionalista.

A respecto da hipótese de abrir un diálogo con Madrid para negociar os termos da Lei de Caixas, o portavoz nacional cualificou de “surprendente” que haxa quen postule un escenario desa caste. “Eu non sei como é posíbel que leis aprobadas por un Parlamento haxa que dialogalas co poder central. É unha cousa estrañísima”.

Instou ao Goberno central a que “reconsidere” a súa decisión de abrir un recurso contra a lei galega. “Sería un ataque contra a autonomía do Parlamento Galego”, afirmou. En todo caso, as obxeccións que formula Madrid demostran “até que ponto esta lei era necesaria e positiva para defender os nosos intereses”.

O BNG TOMA A INICIATIVA

A situación exixe dunha “resposta contundente” da sociedade galega e o BNG vai tomar a iniciativa.

“Imos convocar, en rexime naturalmente de autoconvocatoria, as forzas políticas e sociais deste País para facer frente á agresión do Estado ao autogoberno galego”, dixo, ao tempo que apelou á sociedade galega a “reaxir” contra “esta actuación do Goberno do Estado”. “Ten que reaxir. O que nos estamos xogando é que os aforros das galegas e dos galegos sirvan é economía produtiva do País”, enfatizou.

“Non podemos permitir”, acrecentou, “que o Goberno central e os quintacolumnistas deste País se saían coa súa. Non podemos permitir que poñan o aforro galego ao servizo do desenvolvimento económico e social doutros territorios”.