28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, concedeu unhas declaracións a www.bng-galiza.org a respecto do debate sobre o futuro das caixas de aforro.
“A estas alturas, está moi claro que aquí só hai dúas opcións: ou fusión galega ou as caixas galegas se converterán en sucursais de bancos con sede en Madrid e ademais de xeito irreversíbel, tal e como ten advertido mesmo o gobernador do Banco de España”, avaliou o líder nacionalista.
Guillerme Vázquez aludiu tamén á mobilización convocada en Vigo contra a fusión galega: “Baixo a presunta invocación dos intereses da sociedade viguesa o que realmente se está a defender é a estratexia centralista de Madrid e os intereses persoais dalgúns directivos”.
“Se non hai fusión, tanto Vigo como Galiza ficarán sen caixas. O que ficará en Vigo será a sucursal dun banco con sede en Madrid. Iso é a SIP. E ademais de xeito irreversíbel, tal e como o BNG argumentou desde o principio”, salientou.
Para o líder do BNG, o futuro de Vigo -como o de calquera outra cidade galega- non se entende se non é “dentro dunha estratexia de País”. “Ou deseño estatal, que leva aparellada a absorción das nosas caixas por bancos con sede en Madrid, ou estratexia galega, que pasa pola fusión e porque as galegas e os galegos podamos decidir sobre os nosos aforros. Esa é a escolla que temos por diante”, dixo o portavoz nacionalista.
Os que defenden posicións distintas á fusión galega “traballan obxectivamente” para que tanto Caixanova como Caixagalicia se “deslocalicen” e fiquen baixo o control “da banca privada española”. “Ou sexa, reman a favor da estratexia que marca Madrid, unha estratexia que leva á deslocalización, á bancarización e á privatización”, argüiu.
Nesa estratexia o portavoz nacional situou o PSdeG. “Os socialistas teñen que explicar por que en Galiza están en contra da fusión e, porén, a defenden para as caixas andaluzas e catalás”.