30/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- .- Logo de coñecerse a noticia de que o Goberno central demandou polo trámite de urxencia un ditame sobre a Lei de Caixas de Galicia ao Consello de Estado, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, deduciu hoxe, que “agora queda claro que ao goberno de España lle importaba moi pouco a solvencia, que a solvencia para eles era o de menos”.

Rueda destacou que o goberno de España nin sequera esperou o análise sobre a documentación que remitiu a Xunta de Galicia ao Banco de España e “o que queda evidenciado é que se pretende interpoñer un recurso político, de castigo político, e que ao final o que parece buscarse dende o goberno de España é que Galicia finalmente se quede sen caixas”.

O conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza informou de que o Goberno de España aínda non se puxo en contacto coa Xunta para dar ningún tipo de explicación nin comentario e a única información que se ten é polos medios de comunicación

O goberno de España está a poñer en cuestión unha Lei aprobada pola maioría do Parlamento de Galicia e avalada polo traballo dos letrados do Parlamento de Galicia. Non se trata dunha imposición do Goberno, senón dun acordo maioritario.

Diálogo fronte a criterios políticos
Alfonso Rueda destacou o feito de que a Xunta quere facer as cousas dende o diálogo e colaborar co goberno de España e o goberno galego o único que espera é a mesma actitude, pero co anuncio que onte coñecemos “fronte a vontade de diálogo da Xunta de Galicia atopámonos que o goberno socialista lle guían criterios políticos e de castigo mediante un recurso político”

A demostración da vontade de dialogo e de chegar a acordos, por parte da Xunta de Galicia, estase a ver co FROB. O goberno galego informou sobre o que na súa opinión se debería cambiar e comezamos un proceso de diálogo. Nembargantes, o goberno de España deixou esquecer o prazo de diálogo e case no límite decidiu comezar a falar do FROB. “A Xunta irá a Madrid con intención de dialogar e de defender a Galicia e de actuar defendendo aos seus intereses”.

“O criterio para funcionar dos gobernos –subliñou- é dialogar entre administración e actuar dacordo a criterios obxectivos, iso fixo a Xunta de Galicia dende o principio e o que agardabamos era que o goberno de España tivese a mesma actitude, parece ser que as súas intencións van por outro lado que non son os intereses de Galicia”

Ante este feito, Alfonso Rueda reiterou a súa convicción de que a lei aprobada polo Parlamento cumpre con todos os requisitos legais, e agarda do Goberno central un diálogo construtivo antes de dar un paso que tería nocivas consecuencias para os intereses de Galicia.