30/1/10

CAVACO SILVA y FEIJOO, de acuerdo : objetivo, lograr que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non perda fondos no próximo reparto comunitario

.LISBOA (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu hoxe a necesidade dunha “estratexia común” ante a Unión Europea para lograr que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal non perda fondos no próximo reparto comunitario. Así o sinalou o mandatario galego tras reunirse esta mañá en Lisboa co presidente da República Portuguesa, Anibal Cavaco Silva, quen tamén animou aos gobernos galego e luso a “gañar centralidade en Europa” para conseguir que a Eurorrexión manteña o mesmo nivel de fondos europeos que no período vixente.

Segundo explicou o presidente galego, ambos confiaron en que a negociación ante a Unión Europa permita frear “escalada de redución” que sufriu a Eurorrexión no anterior reparto comunitario para o período 2006-2013. Concretamente, Feijóo considerou que os 1.200 quilómetros de fronteira que separan a España e Portugal son un “feito incuestionable” que se debe ter en conta para elaborar os orzamentos europeos e non perder fondos europeos e, neste senso, avanzou que así llo transmitirá tanto ó primeiro ministro luso –co que se reunirá esta tarde—, José Sócrates, como ó Goberno español.

Ademais, comprometeu o apoio decidido da Xunta de Galicia para impulsar a Eurorrexión, que “goza de excelente saúde” e pode ser, na súa opinión, un instrumento axeitado para loitar contra a actual situación de crise económica. Por iso, avogou por seguir colaborando co Norte de Portugal e co resto do país veciño “dende todos os puntos de vista”.

Como exemplo do que se debe facer no futuro, puxo o apoio que o propio Cavaco prestou a Eurorrexión sendo primeiro ministro luso, cando impulsou a autoestrada que conecta na actualidade a Galicia e a Portugal. “Agradézolle que tomara esta decisión tan importante para Galicia”, dixo Feijóo, a quen definiu como un “gran amigo de Galicia”.

Tras cualificar o encontro de “cordial, amable e entrañable”, Feijóo avanzou que o presidente da República portuguesa aceptou a invitación a visitar Galicia neste Ano Santo Xacobeo. “Espero poder compartir unha xornada en Compostela con el para renovar os puntos de amizade entre Galicia e Portugal”, expuxo o presidente galego, e asegurou que este 2010 tamén é unha gran oportunidade para fomentar o Camiño Portugués e manter o liderado dos portugueses no ranking de visitantes portugueses.

Finalmente, Feijóo comentou que a visita a Portugal “non só é obrigada, senón que tamén é sentida” pola vinculación histórica e cultural entre ambos países. “Galicia ten unha relación directa e prioritaria con Portugal”, concluíu.