27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- Esta mañá, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) organizou unha conferencia de prensa para tratar a cuestión das privatizacións na sanidade pública, con especial énfase para o caso da licitación do novo hospital de Vigo.
Segundo a Federación de Sanidade do sindicato, o SERGAS denomina a obra como «Proxecto de contratación de obra pública baixo 'modelo concesional' para a redacción do proxecto, financiamento, construción e explotación dos servizos non sanitarios do novo hospital de Vigo». Na conferencia de prensa, os representantes de CCOO explicaron que a fórmula que a Xunta vai utilizar é a iniciativa de financiamento privada, xa que «permite a entrada do capital privado na sanidade pública coa cesión da xestión de servizos, nun principio non sanitarios, privatizando parte da sanidade».


Segundo o sindicato, este modelo xa fracasou no Reino Unido, e estase a utilizar noutras comunidades autónomas como Madrid e Valencia, «nas cales xa se empezan a ver os resultados: merma da calidade asistencial, merma de traballadores/as, deficencias nos centros construídos, custos moito máis altos dos orzamentados ou a hipoteca dos orzamentos da comunidade autónoma e da sanidade en pago de canon ás construtoras durante anos».

CCOO lembrou que en 2006 asinouse un Acordo básico pola saúde na área sanitaria de Vigo, e posteriormente outro tanto nas áreas de Pontevedra e Ferrol. Con este acordo pretendíase garantir as infraestruturas sanitarias necesarias nas devanditas áreas, financiadas mediante a Sociedade Pública de Investimetnos. Agora, este acordo «non se ten en conta e, como se nos di despois na Mesa Sectorial, é unha decisión do Goberno, dentro da súa política e unicamente se nos convoca á Mesa Sectorial para transmitir esa información», denunciou o sindicato.

Para Comisións, isto constata que «unha vez máis» a actual Xunta de Galicia «ignora o que é o diálogo social e impón o seu criterio contra todos e todo», mesmo esquecendo a «numerosa mobilización» que tivo lugar en Vigo no pasado mes de novembro en contra da privatización da sanidade.

Lola González, secretaria xeral da Federación de Sanidade de CCOO, explicou que a Consellaría «mente» cando afirma que só cederá servizos que xa están privatizados. O secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, apuntou que a empresa privada «procura obter beneficios», e acádaos «mediante peores condicións para os traballadores e traballadoras, menor salario, menor dotación de persoal e menor calidade nos servizos».

En defenitiva, actuacións para esta son, para CCOO, un «ataque directo» á sanidade pública «tal e como a coñecemos agora», un ataque «aos seus traballadores e traballadoras, que actualmente descoñecen o futuro que lles agarda, non só en Vigo, tamén en Pontevedra, pendente da ampliación do seu hospital, ou en Lugo onde xa temos un hospital novo sen data de apertura», lamentou González, ao tempo que sinalou que o sindicato combaterá estas actuacións.