30/1/10

Críticas del Bloque a los últimos inventos de ZP

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avaliou esta mañá a proposta do Goberno Zapatero de elevar a 67 anos a idade da xubilación.
“Esta proposta non ten nengunha utilidade no combate contra a crise. É unha vella receita da dereita de toda a vida. Só servirá para amedrentar á xente e para inducila a dedicar parte dos seus salarios a subscribir fundos privados de pensións. Servirá para capitalizar aínda máis á banca privada, pero non para superarmos a crise económica”, xulgou.


A respecto do retallamento do gasto do Estado anunciado polo Goberno -e que se cifra en 50.000 millóns de euros nos próximos anos-, o portavoz nacional mostrou o seu interese por saber “en que partidas van a recortar”.

Neste sentido, fixo unha proposta: “Se queren reducir o gasto público, que comecen por retirar as tropas españolas de Afganistán”.

O líder do BNG ve o Goberno estatal “desorientado” e “disposto” a seguir cegamente “os ditados de Bruxelas e dos poderes económicos”. “Non se entende a obsesión neoliberal por querer voltar ao obxectivo de Maastricht do 3 por cento do déficit do PIB”, dixo, ao tempo que se mostrou certo de que “estas medidas antisociais van provocar unha grande contestación” na sociedade galega.
O portavoz nacional fixo estas declaracións xusto antes de que dese comezo a manifestación convocada pola CIG en defensa dos servizos públicos galegos.

“Estamos nesta manifestación para apoiar as traballadoras e os traballadores dos servizos sociais públicos”, dixo e ao tempo denunciou a “política privatizadora” que desprega o PP desde que está ao frente do Goberno galego.

“Esta política vai contra os intereses da grande maioría social, nomeadamente nunha crise como actual. Co paro que hai, o risco de exclusión social é moito maior, co cal tórnase máis necesario aínda o reforzo dos servizos sociais públicos”, alegou.