26/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Deputación, Rafael Louzán, ratificou hoxe o compromiso da institución para colaborar na mellora do campo de fútbol de Domaio, nunha xuntanza mantida no Pazo Provincial co presidente do Domaio Fútbol Club, Juan Antonio Martínez, co vicepresidente, Cándido López, e co secretario da entidade deportiva, Manuel García acompañados tamén polo concelleiro de Moaña e deputado autonómico José Fervenza.
Juan Antonio Martínez explicoulle ó presidente que o Concello pretendía executar as obras de dotación de céspede artificial ó campo de fútbol con cargo a fondos do Plan E descartando, deste xeito, o plan da Deputación para dotar de herba sintética ós campos de fútbol da provincia.
Sobre este respecto, Rafael Louzán, manifestou que a Deputación “en todo momento mantivo o seu compromiso de mellorar esta infraestrutura en colaboración co Concello de Moaña, sempre e cando a administración local acondicionase as instalacións deportivas existentes”. De feito, puntualizou, “o Pleno da institución aprobou unha moción cos votos do PP a sinatura dun convenio para a execución destas obras”. Louzán aclarou que “este requisito esíxese en todos os campos acondicionados pola Deputación e sempre foi cumprido polos concellos beneficiarios”.
Finalmente, o presidente da Deputación ofreceulle ós directivos do Domaio Club de Fútbol a colaboración da entidade para acometer obras complementarias que podan ser necesarios.
Os representantes da entidade deportiva agradeceron a boa disposición da Deputación para colaborar na consecución dunha infraestrutura deportiva digna para a práctica do fútbol.