26/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, presentou hoxe no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) o libro “2 mentes, 1 pulso”, de Carlos Maño. Esta obra é a última da colección “Arte”, da Editorial da Deputación, que dende 1991 está dedicada ás monografías de diferentes artistas galegos e recolle títulos da talla de: “Xulio Gil”, “Pedro Solveira”, “Freixanes”, “Antón Lamazares” ou “Pedro Dobao”, entre outros.
2 mentes 1 pulso” describe a obra plástica “Exequias”, de Carlos Maño e Enrique X. Macías, integrada por un total de 27 monotipos realizados durante os anos 1993-1995, en papel Super Alfa Guarro Marfil de 250 g., en follas de 100 x 70 cm. e montados en marcos de teca, formato caixa. Os monotipos están realizados con técnicas tan dispares coma o gravado en augaforte, collage de fotocopias, anotacións, correccións, creación de pegadas naturais a través de marcas de auga, superposición de pranchas…  Pero as pezas que compoñen “Exequias” son moito máis que a suma das mesmas, xa que se integran con harmonía nunha soa obra que establece un diálogo entre ambos autores.
Carlos Maño estudou na Escola AA. OO. de Santiago de Compostela; en 1980 fórmase na Escola de Vigo e en 1983 convértese en bolseiro da Deputación de Pontevedra. A súa obra foi exposta, entre outros: no Castelo de Soutomaior, Fundación Caixa Nova, galería Carmen de la Guerra, galería Hartmanne ou Galería C5.
Pola súa banda, Enrique X. Macías naceu en Vigo en 1958 e faleceu en 1995. Músico autodidacta, foi compositor na Radio Finlandesa e na Academia de Música de Cracovia. A súa obra foi gravada para as radios europeas máis importantes (RNE, RAI, Radio France, NOS...); A discografía completa totaliza 4 elepés e 5 cedés. 
O libro tamén contén textos de Concha Fontenla, Carlos L. Bernárdez, Ana Braga e Carlos Maño, e fotos de María Justel Nandín e o propio Carlos Maño.