27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería do Mar desenvolveu hoxe o derradeiro curso de formación da primeira rolda de xornadas de instrucción dos Grupos de Acción Costeira, clausurada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. A través dun seminario, representantes da Consellería do Mar achegaron a normativa comunitaria en materia de publicidade, comunicación e protección de datos de carácter persoal aos GAC.


Esta xornada serviu para explicar a utilización da imaxe e identidade corporativa dos Grupos de Acción Costeira, mostrando cómo e cando deben empregarse os logotipos dos Grupos e das Administración Públicas cofinanciadoras.  A normativa comunitaria é moi estricta neste senso, polo que existe unha ampla regulación incluída no Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión e no Plan de información e publicidade do Fondo Europeo de Pesca para o Programa Operativo español 2007-2013.

Con esta xornada, a Consellería do Mar garante que non se perdan fondos da Unión Europea por un uso incorrecto dos carteis, placas, publicacións e outro material, que ten  que cumprir cunha normativa rigorosa.

O curso tamén desenvolveu un módulo sobre as obrigas en materia de protección de datos persoais, xa que a normativa española, formada fundamentalmente pola Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal e polo Real Decreto 1720/2007 de desenvolvemento da anterior, é unha das máis esixentes de toda Europa, con sancións de ata 601.012 euros polo seu incumprimento.

Neste sentido, representantes da Consellería do Mar explicaron cómo dar de alta os ficheiros de datos de carácter persoal que teñan os GAC, así como os principios básicos a seguir no tratamento dos datos persoais e os dereitos que teñen os cidadáns con respecto a eses tratamentos. Ademais concretáronse as novas obrigas impostas polo Real Decreto 1720/2007 de desenvolvemento da Lei Orgánica, que impón as mesmas obrigas para os ficheiros soportados en papel.


Durante a clausura desta primeira rolda de xornadas, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez animou ao persoal dos GAC a continuar traballando e anunciou outras xornadas para febreiro.

Neste ano 2010 arranca unha nova convocatoria, para a que xa se están a presentar proxectos de desenvolvemento local das zonas de pesca conforme aos plans Estratéxicos Zonais (PEZ) aprobados por cada un dos GAC. Por iso, nos vindeiros meses, o equipo técnico da Consellería do Mar, no seu afán de dinamizar os Grupos, realizará visitas a cada un dos Grupos de Acción Costeira para solventar todos aqueles problemas propios do lanzamento dun programa europeo e prestará toda a axuda que sexa necesaria.

Xornadas formativas anteriores
Co curso de hoxe complétanse as xornadas formativas que se celebraron o pasado 13 e 20 de xaneiro. Na primeira, os Grupos de Acción Costeira foron formados na avaliación de proxectos de desenvolvemento local, e na segunda, os GAC familiarizáronse cunha aplicación informática de xestión de proxectos que lle permite traballar en tempo real e coñecer o estado dun proxecto e a súa tramitación económica.

Os Grupos de Acción Costeira
Os Grupos de Acción Costeira son asociacións de carácter local constituídas polas organizacións do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, organizacións sociais, medioambientais e culturais do sector empresarial e polas administracións locais, que adoptan a forma xurídica de asociación. Nestes grupos, o protagonismo é do propio sector pesqueiro, que ten na Xunta Directiva dos Grupos a metade dos seus membros.

O programa europeo dos Grupos de Acción costeira xorde co novo Regulamento Comunitario 1198/2006 do Fondo Europeo da Pesca, conta cun orzamento de 40 millóns de euros para o período 2007-2013 e constitúe o chamado eixe 4 relativo ao desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. Este programa busca promover un desenvolvemento local sustentable baseado na participación de todos os axentes das zonas costeiras, que son os que deseñan as medidas que eles mesmos consideren prioritarias para as súas zonas e que quedaron plasmadas nun Plan Estratéxico Zonal (PEZ).