28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos presentou hoxe en rolda de prensa xunto ao director Pablo Iglesias a película La sinapsis del Códice. Esta produción, que conta coa colaboración da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, é unha aventura histórica sobre o Códice Calixtino que foi rodada en diversos puntos do Camiño de Santiago. A estrea da película será hoxe as 20.00 horas no Hostal dos Reis Católicos, e contará coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, cunha representación do equipo de rodaxe e con diversas personalidades do mundo da cultura e da política.


O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asegurou que a película supón “unha perspectiva moderna e global do Códice, o noso xerme identitario”. Para Ignacio Santos constitúe “unha extraordinaria homenaxe ás nosas raíces históricas, ao noso patrimonio cultural e á nosa lingua levada á gran pantalla no que asoma como un sólido traballo de difusión da nosa esencia”. “O Codex Calixtinus é un texto monumental, que fascina por igual na súa vertente litúrxica, musical, histórica, descritiva e dende agora, audiovisual”, engadiu.

Os asistentes a esta primeira proxección poderán disfrutar da interpretación do Ave María, peza central da música da película, a cargo da soprano Ayeléin Italia, quen estará acompañada polo piano de Manuel Riveiro, compositor da banda sonora de La Sinapsis que, sen dúbida será outra das grandes sorpresas deste proxecto.

La sinapsis del Códice conta coa participación de importantes figuras da escena nacional e internacional como Sara Casanovas, Hugo Silva, Luis Tosar, Óscar Jaenada, Tessa Bergmeier, Sergio Pazos ou Miguel de Lira entre outros. Asemade, nesta produción tamén intervén a poetisa Yolanda Castaño, quen pon voz á auténtica protagonista do filme, a relixiosa mítica Hildegard Von Bingen, para moitos a mítica peregrina Gerberga de Flandes, á que atribúeselle a escritura do libro V do Códice Calixtino.

A rodaxe da película foi realizada durante o pasado verán en multitude de localizacións ao longo do Camiño de Santiago, e está baseada nunha aventura histórica na que a realidade mesturase coa ficción e o espírito da Ruta Xacobea vai calado no seu protagonista (Sara Casanovas) do mesmo modo que o fai nos millares de peregrinos que percorren este camiño de peregrinación dende hai doce séculos.

O espectador vai descubrindo quen era en realidade esta misteriosa muller ao tempo que se abraia pola beleza dun itinerario fascinante e que atopa a súa máxima plenitude na chegada a Santiago,onde a protagonista (e con ela o espectador) asiste a un espectacular voo do botafumeiro en que se revelará a transformación que ocasiona a emocionante experiencia da peregrinación xacobea.

Director do filme
O compostelán Pablo Iglesias foi tamén é o director da obra premiada Pedro e o capitán, ou o biopic de Neira Vilas X.N.V., Memorias dun emigrante. Pablo Iglesias define o planteamento estético do filme como “radical” e sitúao entra a nouvelle vague e o dogma danés tintado ao Andy Warhol: “É algo novidoso e hipnótico, que fago combinando dous tipos de texturas de imaxes, por un lado a subxectiva e de recordo cun tratamento do cine antigo calibrado e procesado de forma dixital e, por outro, expoñendo unha liña mais documental cun branco e negro purpúreo que da solemnidade á información”

Doutra banda, Pablo Iglesias asegura “estar a vivir un soño” e mostrases convencido de que a película marcará un fito na súa carreira. Polo momento este longametraxe, cuxo estrea exclusiva a terá a Televisión de Galicia, xa ten asegurada a súa participación en diversos festivais nacionais e internacionais, e será distribuída en varios países para a súa emisión a través de TDT e foi vendida a varias televisións autonómicas.