28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello para destacar os principais obxectivos da súa viaxe a Portugal que comeza hoxe. Neste sentido, o mandatario galego sinalou que a visita se realiza “no momento idóneo” por varios razóns: “Primeiro, polo contexto inmediato no que se está a desenvolver a Unión Europea. Temos que aproveitar a presenza e a Presidencia de España para falar do que nos une a Portugal e a Galicia; para falar da Eurorrexión, dos fondos Interreg, dos fondos transfronteirizos, para falar, en definitiva, das nosas vinculacións e dos nosos intereses en Europa”.
“En segundo lugar, -proseguiu Feijóo- esta visita é consecuencia do Xacobeo. Portugal é o primeiro país en número de visitantes a Galicia. E o Xacobeo pode ser unha oportunidade para incrementar o turismo portugués en Galicia. E en terceiro lugar, falaremos da unión económica e a unión por infraestruturas”.
Así, e dentro deste último obxectivo, Feijóo apuntou unha serie de infraestruturas que serán tratadas nas xuntanzas, entre as que destacou, en primeiro lugar, a unión “da plataforma da Plisán Salvaterra-As Neves con Portugal”. “Interésanos moitísimo prolongar a A-52, que vai estar unida mediante outra autovía coa plataforma loxística; e interésanos que esa plataforma loxística poida cruzar o río e unirse ás autoestradas portuguesas”, explicou.
Ademais, Núñez Feijóo sinalou a posibilidade de estudar que “a estrada que comeza, aproximadamente, na zona de Vilanova da Cerveira, e que chega ata Porto pola costa, se conecte, a través da Ponte da Amizade, coa autovía entre A Guarda e O Rosal”.
E por último, no tocante as infraestruturas, a viaxe servirá, tamén, para “falar do tren de alta velocidade Vigo-Porto”, permitindo “repasar cal é o calendario real de Portugal nesta infraestrutura, cales son os compromisos reais que vai adoptar o Goberno portugués con esta infraestrutura, para, posteriormente, que o Goberno español estea a altura das circunstancias”, remarcou.
“Polo tanto –concluíu Feijóo- é unha visita política, é unha visita económica e é unha visita cultural. Nun espazo de 24 horas cremos que podemos falar de todas estas cousas. E sobre todo, iniciar unha senda de colaboración como vén sendo habitual entre Galicia e Portugal, unha senda de confianza”.