26/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-“Espero e estou convencido de que o Banco de España estará á altura do seu papel de independente e de garante da igualdade de trato a todas as entidades financeiras”. Así o manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen remarcou que a Lei de caixas de Galicia non inclúe ningún plantexamento que non estea noutras leis do mesmo eido que non foron recurridas. “En consecuencia, estou persuadido de que haberá igualdade de trato e non haberá discriminación que afecte ás competencias de Galicia en prexuicio doutras comunidades autónomas que teñen leis vixentes e leis non recurridas”, destacou.

Así, Núñez Feijóo explicou que a Lei de caixas de Galicia é moi similar ás de comunidades autónomas como Andalucía, Cataluña ou o País Vasco. “O regulador, o Banco de España, é o garante da obxectividade, da imparcialidade e do trato financeiro igualitario a todos os bancos e entidades financeiras”, remarcou.

Negociación polo FROB
O presidente da Xunta recalcou, en declaracións aos medios tras presentar ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio, no Fórum Europa Tribuna Galicia, a súa confianza en acadar un acordo co Goberno central sobre o FROB. “Nós anunciamos un conflito de competencias en relación co FROB porque entendemos que invade competencias estatutarias de Galicia e invade a tutela financeira das comunidades autónomas”, lembrou Feijóo.

Neste sentido, o mandatario galego afirmou que “como é lóxico” Galicia defenderá o seu autogoberno se non chega a un acordo. “Desde o primeiro momento que o Goberno aprobou o fondo de garantía, a Xunta presentou as súas dúbidas de inconstitucionalidade por invasión competencial; desde ese momento estamos falando co Ministerio de Administracións Públicas para desatascar este problema e eu espero e desexo que poidamos conseguilo”, concluíu.