28/1/10

Feijóo, cualificou hoxe de “inadmisible” o ataque contra a residencia do catedrático de Dereito Constitucional, Roberto Blanco Valdés

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe de “inadmisible” o ataque contra a residencia do catedrático de Dereito Constitucional, Roberto Blanco Valdés, e asegurou que se trata dunha agresión “á liberdade” que, como galego, lamenta “profundamente”.
“Lamento profundamente que haxa persoas que defendan unhas ideas e sexan sistematicamente atacadas no seu lugar de traballo e agora tamén no seu domicilio e lamento profundamente como galego que en Galicia se produzan estes actos de violencia”, recalcou o presidente galego, quen solicitou que todos os partidos políticos sexan “claros e precisos” sobre este atentado.  
“Esto non é admisible, que unha persoa por defender unhas ideas poida sufrir danos persoais, danos materiais ou acoso persoal”, engadiu Feijóo, quen reiterou que Galicia é “libre e bilingüe”. “O galego é un pobo que fala no idioma que considera oportuno e quere liberdade para facelo”, destacou.
O presidente da Xunta aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para trasladarlle ao profesor Blanco Valdés todo o respecto e a admiración do Goberno galego, “xa coincidan as súas ideas co que pensa o Goberno ou sexan discrepantes”. “Paréceme que calquera profesor, como calquera cidadán, que expresa en liberdade o que pensa debe ter o apoio do Goberno e por suposto, neste caso, tamén o vai a ter”, concluíu. 
CONDENA DO BNG
O Bloque Nacionalista Galego expresa a súa enérxica repulsa perante a acción violenta perpetrada contra a casa do catedrático de Dereito Constitucional e articulista Roberto Blanco Valdés.
O BNG quer expresar a súa solidariedade con Roberto Blanco Valdés e coa súa familia por teren sido vítimas dun irracional acto de barbarie.
O uso da violencia contra unha persoa que só usa a palabra para defender as súas ideas repugna a conciencia pacifista e democrática do pobo galego.
Aqueles que semellan querer importar ao noso País prácticas que deberían estar desterradas de calquera sociedade humana contan co rexeitamento máis absoluto da inmensa maioría das galegas e dos galegos de ben.
CONDENA DO PP .- O Partido Popular de Galicia condena rotundamente o ataque perpetrado esta madrugada cun artefacto explosivo contra a vivenda de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela e coñecido articulista de opinión. 
Os populares galegos queren ofrecerlle o seu máximo apoio a Blanco Valdés e á súa familia. Así mesmo, alégranse de que tanto saísen ilesos do atentado e de que as consecuencias do mesmo se reducisen a escasos danos materiais.
Por outra banda, o PPdeG espera que o desta madrugada sexa xa o último acto deste tipo que ten lugar en Galicia e en España, posto que accións tan abominables, que atentan contra a integridade das persoas, non poden ter cabida xamais nunha sociedade que se pretende civilizada e avanzada.
Os populares consideran moi cobarde e repugnante empregar a violencia contra as persoas e subliñan que, se como sospeita o propio Blanco Valdés, o motivo polo que se cometeu este atentado e os que sufriu anteriormente foi por empregar libremente a súa pluma para expresar a súa visión do mundo no que vive, entón aos populares non lles queda máis remedio que apelar ao sentido común dos delincuentes e a lembrarlles que a liberdade de expresión é un dereito de todos os cidadáns así como é un deber de todos respetalo.
Os populares agardan que se localice aos autores do atentado para que rindan contas ante a Xustiza e deixen de atemorizar ás persoas que pensan diferente.