26/1/10

Feijóo gabou á “fértil colaboración” entre os ámbitos civís e eclesiásticos no proxecto do Ano Santo 2010

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe á “fértil colaboración” entre os ámbitos civís e eclesiásticos no proxecto do Ano Santo 2010. Feijóo presentou ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio, no seu relatorio no Fórum Europa Tribuna Galicia, e salientou o seu labor no “renacemento xacobeo”.

“A Igrexa galega soubo entender sen recelo algún, que o Xacobeo era un complemento esencial para que a celebración apostólica tivera un novo pulo, achegando a novas xentes, xuntando nos camiños que levan a Compostela a diferentes espiritualidades”, remarcou o mandatario galego, quen recalcou que é “arredor dese Camiño” onde nace unha colaboración que “no seu tempo xa serviu de exemplo a imitar” e que persiste hoxe.

Santiago, na orixe de Europa
Feijóo lembrou, no transcurso da súa intervención, as palabras de Xoán Paulo II en 1982, na súa visita a Compostela: “Europa –dixo o Santo Padre- volve a atoparte; sé ti mesma. Descubre as túas orixes”. Así, o mandatario galego destacou que “o necesario entendemento entre civilizacións” exixe primeiramente que saibamos “cal é a nosa”: “e ninguén mellor que os galegos para dar conta desa suma incesante de correntes culturais e espirituais que fraguou o que somos hoxe”.

“Creo que as palabras de Xoán Paulo II están presentes en cada unha das etapas que percorren os peregrinos, para inspirarlles unha fe tolerante con todas as crenzas”, afirmou Núñez Feijóo, quen manifestou que esta unidade espiritual que o bispo de Roma reivindicaba desde Santiago “renace cada vez que un camiñante chega á praza do Obradoiro”.

O titular da Xunta subliñou, neste sentido, que en Santiago están as orixes “da moderna idea de Europa”. “Aquí floreceron os valores que converteron a cultura europea nun faro para os amantes da liberdade; sementouse o concepto dunha fe tolerante coas demais crenzas que ve en cada unha delas anacos de verdade”, afirmou Feijóo, quen reivindicou que esta Europa aberta e ao mesmo tempo fiel a seu pasado segue a ser, hoxe en día, “un obxectivo estimulante e necesario”.