25/1/10

Feijóo : o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, que este “supón un ordenamento sistemático e intelixente da costa que protexe a súa natureza, sen renunciar a poñer en valor, para o conxunto da sociedade, as enormes posibilidades que atesoura”

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe, durante a presentación do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, que este “supón un ordenamento sistemático e intelixente da costa que protexe a súa natureza, sen renunciar a poñer en valor, para o conxunto da sociedade, as enormes posibilidades que atesoura”.  

Neste sentido, Feijóo apuntou que o “litoral de Galicia é, sen dúbida, un dos espazos máis definitorios da riqueza paisaxística e un recurso de extraordinario valor no pasado, no presente e no futuro da nosa terra”. “No seu ámbito –engadiu- aséntase arredor do 70% da poboación de Galicia e localízanse catro das sete grandes cidades. Nos seus máis de 2.500 quilómetros que conforman costas, illas e marismas, encádranse 867 praias, 19 rías, 128 portos”.

Así, o presidente galego quixo lembrar que se trata “dun espazo de gran importancia onde se teñen detectado ata 165 núcleos de marcada identidade, pero tamén un dos máis vulnerables do territorio de Galicia” sendo, polo tanto, preciso “avanzar na protección” dun litoral que “nas últimas décadas experimentou unha evolución vertixinosa que mudou as súas condicións de vida e alterou en gran medida a fisionomía do territorio”.

“Estas transformacións –incidiu- non sempre supuxeron unha mellora integral para o conxunto do país: a profusión da edificación, a dispersión, a urbanización difusa e arquitecturas alleas, marcaron en moitos casos o carácter do territorio e contribuíron a unha acentuada fragmentación territorial e paisaxística”.

“Este documento marca as regras do xogo polo que deberá fluír o desenvolvemento de cada área, de cada concello... en definitiva, de cada cidadán de Galicia, que ten aínda o privilexio de vivir e gozar dun territorio singular. O Plan do Litoral estuda e delimita o territorio costeiro de 84 concellos para ofrecer un modelo que contribúe a regular a protección e os usos en 212.000 hectáreas, que equivalen a algo máis do 7% do territorio de Galicia”, explicou.

Un “exhaustivo” traballo sobre o terreo
Así mesmo, Feijóo lembrou que o ámbito de aplicación do Plan “non se traza cunha liña continua que delimita unha franxa homoxénea e arbitraria”, se non que “responde a un intenso e exhaustivo traballo sobre o terreo realizado de forma individualizada para axustar as determinacións a cada zona, a cada concello”.

Conforme a isto, estableceuse “unha estrutura composta por áreas, espazos e sistemas que se superpoñen e complementan para poder recoller as particularidades de cada ámbito”, tendo sempre presente que “non se trata de prohibir con carácter xeral, senón de regular con criterio restritivo as distintas áreas en función do seu valor”.

Ademais, proseguiu Feijóo, “tamén se lle presta especial atención a aquelas áreas de carácter residencial, produtivo ou de servizos que, desvinculadas dos núcleos fundacionais, se consideran necesitadas de reconducir cara a unha mellora da súa calidade ambiental e escénica”.

Pese a todo, o mandatario galego quixo resaltar que “o Plan non clasifica nin cualifica o solo”, sendo esa “unha tarefa que lle corresponde aos concellos que, dentro das súas competencias, deben establecer o modelo do seu planeamento municipal”.

Desenvolvemento sostible
Con estas premisas, Núñez Feijóo apuntou que “a nova norma convértese nun instrumento imprescindible para acadar o necesario equilibrio entre urbanización, actividades e protección do territorio, na procura do desenvolvemento sostible”. “Desde O Goberno galego queremos poñer á disposición da cidadanía, dos colectivos, das institucións, un instrumento concibido con vocación de consenso e de permanencia, unha base sobre a que cimentar un desenvolvemento sostible do noso litoral”, aseverou.

Así, Feijóo sinalou que con este Plan “Galicia debe afastar para sempre calquera indicio de identificación con perniciosos modelos de crecemento foráneo”, ao tempo que poida crear “un marco xurídico estable para converter a costa nun referente de conservación e de respecto”.

“O noso litoral ten que ser un espazo para a vida, para o lecer, e débeo ser tamén para unha actividade económica claramente regulamentada e respectuosa coa propia fraxilidade dun contorno sumamente delicado”, incidiu.

Unha excepción na ordenación do litoral
Por outra banda, Núñez Feijóo sinalou, tamén, a importancia dun Plan que permitirá que Galicia deixe de ser “unha excepción na ordenación do litoral do arco atlántico europeo”. “Portugal, Francia e o Reino Unido, -explicou- dispoñían xa dunha primeira xeración de plans de protección en gran medida iniciada nos anos 90”, namentres que “as comunidades españolas comezaron ese camiño na pasada década, logrando dispoñer nos últimos anos dunha norma de referencia para a ordenación do seu litoral”.

Neste sentido, Feijóo recordou que Galicia “xa tiña previsto a creación desta figura, a través da Lei de Ordenación do Territorio de 1995”, pero non foi ata “os dous gobernos que precederon ao actual” cando se iniciaron os traballos para “dotarnos deste instrumento específico e integral para ordenar o litoral”.

Así, o mandatario galego agradeceu o seu esforzo “a todos aqueles, dos dous gobernos anteriores, que traballaron iniciando, e desenvolvendo en parte, o Plan que hoxe temos ocasión de presentar a toda Galicia”. Ademais, engadiu, “a presenza aquí dunha ampla representación do municipalismo galego, dunha ampla representación dos grupos maioritarios da cámara, dunha ampla representación do mundo sindical, demostra que o desexo de formular entre todos un interese xeral, un ben común, uns obxectivos compartidos, non é unha utopía”.