30/1/10

Feijóo pone sobre la mesa el tema del AVE : Lisboa-Porto-Vigo y pide que se garanticen plazos por los Gobiernos

LISBOA. (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe que os Gobernos de España e de Portugal asinen un protocolo para “clarexar” os prazos de inicio do AVE Vigo-Porto e garantir a posta en marcha desta infraestrutura “clave” para Galicia. Así o sinalou o titular da Xunta á saída da xuntanza co primeiro ministro de Portugal, José Sócrates, na que definiron unha axenda de contactos entre o Executivo galego mailo portugués para tratar “de forma bilateral e con concreción” os principais asuntos que unen a ambos territorios.

A conexión por alta velocidade ocupará un lugar destacado na rolda de contactos que Feijóo deseñou na reunión con Sócrates, quen –comentou-- lle trasladou a “decisión estratéxica” do Goberno luso de facer o AVE a Galicia. Neste senso, o presidente galego plantexou a necesidade de concretar os prazos para esta infraestrutura a través dun protocolo entre os Gobernos español e luso, como fixeron para o AVE á Meseta os Gobernos español e galego. De feito, avanzou que lle trasladará esta proposta ó ministro de Fomento, José Blanco, no encontro que manterán o vindeiro luns en Madrid.

“Sería bo para todos o compromiso dos dous gobernos”, reflexionou, e resaltou que o máis importante é blindar a data de inicio do AVE a Portugal porque “nada que non se inicia poida ser acabado”. “É bo que Galicia e o Norte de Portugal saibamos as datas de inicio desta grande infraestrutura”, destacou, e engadiu que a continuación se poderá “concretar polo miúdo como podemos chegar a finais de 2015 coa obra acabada”. “Temos o compromiso claro de abrir unha axenda e de que nesa axenda estea unha data para conectar os galegos da Eurorrexión”, explicou.

Núñez Feijóo e Sócrates tamén abordaron as infraestruturas viarias máis importantes para dar “fluidez” á conexión por estrada entre ambos países. Concretamente, o presidente galego subliñou a necesidade de axilizar a conexión da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves con Portugal; así como da Vía de Altas Prestacións Tui-A Guarda coa Autovía da Costa portuguesa, a través da Ponte da Amizade.  

Subministro de gas
A enerxía será outro dos asuntos que abordarán conxuntamente Galicia e Portugal nos vindeiros meses. Neste ámbito, ambos países estudarán a posibilidade de unir Galicia e o Norte de Portugal a través dun gasoducto dende a pranta regasificadora de Mugardos (A Coruña) para dar subministro á zona norte do país veciño. “Falamos dunha infraestrutura que sería clave para Galicia e clave para Portugal”, dixo e, a continuación, comentou a posibilidade de que Galicia e Portugal aposten tamén conxuntamente polas enerxías renovables.

En materia económica, Feijóo destacou a necesidade de que Galicia e Portugal aúnen esforzos para garantir que a Eurorrexión non perda fondos no próximo reparto de fondos comunitarios. Neste senso, trasladou a Sócrates que é “fundamental” a implicación de Portugal na negociación coa Unión Europea co fin de garantir que Galicia-Norte de Portugal manteñan os fondos de cooperación transfronteiriza no período 2013-2020.

Visita a Galicia de Sócrates
O primeiro ministro portugués comprometeuse a visitar Galicia proximamente para manter unha reunión con Feijóo, quen confiou en que Sócrates acuda tamén á nosa comunidade este Ano Santo Xacobeo como peregrino. Ademais, o presidente galego destacou os vínculos culturais entre Galicia e Portugal e loou o modelo educativo do país luso, no que se imparten clases en inglés dende os 6 anos. “Creo que é unha decisión moi acertada apostar por unha Portugal bilingüe”, dixo.
A “triple vocación política, económica e cultural” centrou a reunión con Sócrates, a quen Feijóo agradeceu a súa “amabilidade” e o seu compromiso coa Comunidade galega. Na súa opinión, a “madurez” que caracteriza na actualidade a relación entre Galicia e Portugal e será “frutífera e longa” no futuro.