29/1/10

Feijóo predica en Portugal con especial énfasis la buena nueva del Xacobeo

LISBOA.(MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a importancia do Camiño Portugués para convidar aos cidadáns lusos a “defender, promover e vivir” o Ano Santo Xacobeo. “Aquí, en Portugal, nace un dos camiños a Compostela. Convídovos sinceramente a utilizalo para atopar nel ao próximo e ao compatriota, e para imaxinar nel outros camiños novos: camiños económicos, culturais, de cooperación, camiños políticos e camiños espirituais”, afirmou o mandatario galego na súa visita ao Centro Galego de Lisboa.

Núñez Feijóo reivindicou o vínculo histórico, económico e cultural entre Galicia e Portugal e propuxo “unha vella ruta coñecida –o Camiño a Compostela-“ para contribuír a debuxar xuntos “o mapa do futuro”. “Tendo esa man amiga para convidarvos a sumarvos á principal oportunidade que ten Galicia neste 2010: o Ano Santo Xacobeo”, remarcou o presidente da Xunta, quen asegurou que nesta época “de grises”, o Camiño de Santiago “antóllase case como un alivio asistencial”. “Nel, os peregrinos danse conta das súas similitudes, perciben que non están solos, que forman parte dunha comunidade. Así é como desexamos que sexa o Xacobeo 2010: singular, irrepetible e, ao fin, un achegamento a toda Europa”, remarcou.

Irmandade e historia común
O presidente galego asegurou, ante a colectividade galega en Portugal, que baixo o seu amparo, “a Galicia universal que traspasa fronteiras acode hoxe ao encontro dos irmáns portugueses para invitalos a seguir traballando xuntos no futuro”. “Malia que disgregados os territorios, aquí atopo parte da nosa historia; parte da nosa cultura; parte da nosa economía; parte da nosa lingua. E atópovos a vós, a expresión máis sincera dese sentimento de irmandade que mantemos con Portugal, que transcende a mera vecindade xeográfica ou a amizade previsible entre países que comparten un mesmo proxecto político chamado Europa”, abondou.

Así, Feijóo salientou, xunto a ese sentimento, a “historia común” de Galicia e Portugal como outro dos factores polo que un galego pode afirmar no país veciño que está na súa casa. “En poucos sitios como aquí pode dicir un galego que se sente como na casa”, remarcou o mandatario galego, quen destacou que “en Galicia e Portugal vemos o mundo desde o mesmo ángulo”.

“Trátase dunha historia común que consegue facer impensable chamarlle fronteira ao que pode ser, simplemente, unha raia; unha historia común que estamos a escribir cada día cooperando e colaborando como veciños que comparten intereses e obxectivos”, concluíu.