26/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, reunirase este venres, 29 de xaneiro, co primeiro ministro portugués, José Sócrates, e co presidente da República, Aníbal Cavaco. Será no marco da visita institucional que o presidente da Xunta realizará este xoves e venres á capital portuguesa.

O xoves pola tarde, á súa chegada a Lisboa, Alberto Núñez Feijóo visitará o Centro Galego e manterá unha xuntanza coa xunta directiva. Xa pola noite, reunirase co embaixador de España en Portugal, Alberto Navarro González.

Ás 11,30 horas do venres, o xefe do Executivo autonómico manterá un encontro, no Palacio de Belem, co presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco Silva.

Posteriormente, participará nun xantar con empresarios, organizado pola Cámara de Comercio Luso-española, no marco do cal pronunciará un relatorio baixo o título As oportunidades de comercio e investimento en Galicia e Portugal.  

O presidente da Xunta pechará a súa visita a Lisboa cunha entrevista co primeiro ministro da República, José Sócrates, que terá lugar ás 16,00 horas no Palacio de Belem.