27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere aclarar que os inspectores de Saúde Pública, os servizos de loita contra o lume, os policías autonómicos e os profesionais da rede de sanidade animal, entre outros servizos, seguirán a contar con vehículos para poder realizar nas mellores condicións as súas tarefas.


Ante as críticas xurdidas pola renovación dos servizos de renting e leasing de distintos parques sectoriais -que xa funcionaban na pasada lexislatura-, para que estes profesionais dispoñan de vehículos, o Goberno galego quere deixar claro que considera imprescindible que estes profesionais conten con coches para efectuar o seu traballo e non se plantexa obrigalos a desprazarse andando, ante as longas distancias que deben percorrer cada día para cumprir coa súa labor.

Por este motivo, o Servizo Galego de Saúde fixo unha prórroga do contrato de renting de 171 vehículos para a realización das funcións dos servizos de inspección de saúde pública, encargados de vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de sanidade ambiental e alimentaria a través de inspeccións. Estes servizos dispoñen dunha flota de vehículos mediante o sistema de renting dende o ano 1995, incluída a última lexislatura, e o que se fixo foi prorrogar ata marzo de 2010 o último contrato, que rematou con data de 29 de xuño de 2009. O Diario Oficial de Galicia xa publicou a resolución para optar ao vindeiro contrato, por procedemento aberto e público.

En similar situación se atopan os 141 vehículos adquiridos pola Consellería de Medio Rural polo mesmo sistema de renting, que xa se usou tamén na pasada lexislatura para as mesmas funcións. Deles, 62 vehículos son todoterreos para os profesionais adicados á prevención de incendios e outros 79 son para a rede de alerta de sanidade animal. Como no caso dos vehículos do Servizo Galego de Saúde, o contrato seguiu a tramitación ordinaria e un procedemento aberto e transparente que foi publicado no Diario Oficial de Galicia. Polo mesmo procedemento se procedeu á adquisición por parte da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de vehículos para a Policía Autonómica.

A Consellería de Presidencia quere destacar a transparencia e claridade de todo o proceso, como queda probado en que calquera pode acceder a estes datos no Diario Oficial de Galicia. Ademais, o Goberno ten dado resposta a máis de 730 preguntas parlamentarias relacionadas coa adquisición de vehículos por parte da Administración autonómica e sobre os seus gastos de mantemento, incluídas algunhas sobre os gastos de vehículos de altos cargos que aínda non foran nomeados –que ascenderon a cero euros-, unha sobre os gastos de dous supostos altos cargos que son a mesma persoa e outras sobre membros da Xunta que non dispoñen de coche oficial –neste caso non se facilitaron datos sobre o seu vehículo particular-.

Plan de renovación
O Goberno galego tamén presentou recentemente un plan de renovación do parque móbil da Xunta, que racionalizará a dotación do parque central de automóbiles da Administración autonómica e que programou as adquisicións de vehículos para os vindeiros anos, de tal xeito que se garanta a mobilidade, se incremente a seguridade e se reduzan os gastos correntes.

Tras facer un inventario das dotacións actuais, determinouse que ao longo da lexislatura será preciso contar aproximadamente con 67 novos vehículos, dos cales 58 son para funcións e servizos do persoal, para transporte de material e para reparto e que está previsto adquirir en 2010. Nos seguintes anos procederase á adquisición dos outros nove vehículos, que prestarán servizo a altos cargos, o que contrasta cos máis de 60 coches de alta gama ou media- alta que se mercaron na pasada lexislatura.

Para abaratar custes, entregaranse a cambio máis de 80 vehículos do parque que non se usaban polo seu mal estado ou polos seus elevados custes de mantemento. Por eficiencia tamén se acudirá ao renting para afrontar as novas adquisicións e para evitar que se dean situacións como as que se daban agora, xa que nas naves da Xunta hai numerosos vehículos inutilizados, nalgún caso inservibles, aos que a pesares diso se lles seguiu pagando o seguro a todo risco durante os últimos anos.

Todas as medidas, incluídas no plan de racionalización do parque móbil, xa comezaron a dar os seus froitos, xa que os gastos de todos os vehículos dos servizos centrais pasaron de 1,4 millóns en 2008 a menos de 900.000 en 2009. Co plan completamente operativo, xa este ano, a Xunta espera aforrar 700.000 euros ao ano respecto ao que se viña gastando.