28/1/10

La Xunta asegura que el Pazo de Meirás abrirá como es debido al público en general

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O director xeral do Patrimonio Cultural, Jose Manuel Rey Pichel, manifestou nunha entrevista radiofónica, que na apertura do Pazo de Meirás prestarase unha atención prioritaria as cuestións de seguridade do pazo “polo que significa o propio pazo e a familia Franco para que non haxa danos nin alteracións no patrimonio”. Deste xeito, o director xeral expresou o compromiso do departamento a “garantir esa seguridade cos medios dos que dispoña a Xunta de Galicia”.    


Jose Manuel Rey Pichel insistiu en que a Dirección Xeral “actuou en todo momento de acordo coa lei e respectando o proceso xudicial”. O 1 de outubro de 2009 estableceuse a primeira comunicación coa familia Franco a través dunha carta na que se manifestaba a obriga de abrir o pazo de Meirás ao público. No mes de novembro tivo lugar a primeira reunión cos representantes da familia e, na actualidade, estanse a definir as zonas que poderán ser expostas ao público proximamente: “biblioteca, planta baixa e planta primeira”.

O director xeral do Patrimonio argumentou que “os resultados das conversacións cos titulares están sendo positivos” e que por parte da familia Franco “non existe oposición, senón prudencia lexítima” para abrir o pazo de Meirás ao público “catro días ao mes cun procedemento determinado”.

O Parrote
Respecto ao aparcadoiro subterráneo de O Parrote, Jose Manuel Rey Pichel asegurou que “é factible a conservación das murallas e a construción do aparcamento soterrado” para o que situou como necesidades “talento, traballo e un bo proxecto arquitectónico e urbanístico”.

Asemade, o director xeral fixo un chamamento á colectividade galega previndo que todos temos que ser conscientes da importancia que ten a “preservación dos valores históricos dunha cidade”. Para Rey Pichel, a compatibilidade entre o proxecto da Mariña do arquitecto Cebrián, gañador do concurso de ideas e a conservación in situ do Parrote, serviría como gran lección para “transmitir aos cidadáns a importancia e responsabilidade da nosa xeración coa preservación dun patrimonio, que é de todos”.
O director xeral do Patrimonio Cultural fixo referencia tamén ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de A Coruña, “no que deberíase incluír o tema do Parrote e outras cuestións do patrimonio histórico para que non se volvan a cometer actuacións que xeren problemas de execución”. O Plan Xeral “está nunha fase activa e importante no seu desenrolo e nun proceso de participación pública”. 

Respecto ao longo período de cinco anos no que interviñeron tres institucións –Consellería, Concello e Autoridade Portuaria- e dous gobernos diferentes, Jose Manuel Rey Pichel sinalou que “cada un cumpriu coa súa misión lexitimamente” e que a pesar de que non se traballou do mellor dos xeitos posibles “é importante rectificar a tempo”.

Terrazas María Pita
Respecto a retirada das terrazas de María Pita, o director xeral expresou, segundo o seu criterio, que o “cidadán debe poder pasear tranquilamente e contemplar con perspectiva unha praza cun fronte excepcional en cada alzado”. “A praza de María Pita, é un modelo de praza cerrada que require que non haxa obstáculos”, engadiu.

Asemade, Rey Pichel negou que a Dirección Xeral do Patrimonio recibira algunha proposta do arquitecto Alejandro Zaera, encargado de remodelar as terrazas.