28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O Consello da Xunta autorizou esta mañá un acordo de colaboración técnico- financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Salvaterra de Miño para a instalación de colectores xerais na bacía do río Mendo (Salvaterra). Esta execución, que comprende a primeira fase do proxecto, está enmarcada no Plan Hidrolóxico de Galicia.
Augas de Galicia realizará unha achega de preto de 1,2 millóns de euros para a execución da citada actuación hidráulica, o que supón o financiamento do 100% da obra. Así, o goberno galego colabora economicamente cos municipios cuxa capacidade financeira é escasa.


Actuacións
O proxecto prevé a instalación dun interceptor xeral de saneamento de augas residuais do río Mendo e da rede primaria, que incorpora ao interceptor os as verteduras das parroquias situadas no extremo oriental do municipio pontevedrés. Ademais, construiranse catro colectores da rede primaria de tipo separativo cuxa lonxitude total é de 6.126 metros. Estes sistemas instalaranse seguindo os camiños e as pistas existentes e recollendo as augas residuais dos núcleos principais que verten ao río Mendo. Tras estas accións, inclúese a reposición de servizos e pavimentos afectados.

O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante este tipo de actuacións, pretende resolver carencias e problemas nas infraestruturas locais co fin de mellorar as condicións de vida dos cidadáns. Deste xeito, estas obras hidráulicas benefician un total de 14.460 habitantes do concello de Salvaterra de Miño.

O prazo de execución establecido para as citadas obras é de seis meses.