30/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O Portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez afirmou hoxe, no transcurso dun acto organizado por esta forza política en Porriño para denunciar a moción de censura ao alcalde nacionalista Raúl Francés que “ esta moción e ilexítima aínda que legal pero Feijóo deberá explicar cales son as razóns que o levan a apoiala e porque se esconde detrás de Louzán”.
Para o Portavoz nacionalista, “esta moción obedece a intereses políticos partidarios xa que non existe no concello ningún desgoberno, nin problemas de xestión municipal, nin sequera unha petición popular que xustifiquen esta moción”.
Vázquez non escatimou críticas a esta práctica política que- ao seu xuízo-“ o único que persegue é ver fora do Concello do Porriño ao seu primeiro mandatario e asegurou que este é o momento de animar a todos e todas a traballar na oposición para conseguir un bon resultado nas vindeiras eleccións e que Raúl Francés volva a ser o Alcalde do Porriño.”
Finalmente, Vázquez pediu que se explique se houbo utilización de fondos públicos para axudar a “ese centro dereita” que propuxo a moción de censura e se por parte do Presidente da Deputación de Pontevedra existe algún compromiso para colocar a estas persoas na institución que dirixe.