28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario de Acción social, Rafa Vilar, fai un chamamento, nunha entrevista publicada na web do BNG, http://www.bng-galiza.org, á mobilización en defensa dos servizos públicos galegos que o PP tenta reducir e privatizar. “A privatización de servizos públicos, como neste caso os servizos sociais, redunda na súa perda de calidade, así como na diminución tamén de empregos de calidade, ademais de que busca un lucro privado pola súa prestación”, explicou. A manifestación sairá o sábado ás 11.30 da praza do Toral e rematará en Praterías, en Santiago de Compostela.


Rafa Vilar sinalou que o obxectivo básico da Plataforma en defensa do sistema público galego de servizos sociais é enfrontar, “tamén desde a mobilización social, o desmantelamento que o actual Goberno do PP está a facer do sistema público galego de servizos sociais, sistema público nacional de servizos sociais posto en marcha, dito sexa de paso, polo nacionalismo no noso País”. “En todo caso, este desmantelamento do sistema vai na liña neoliberal de ataque sistemático aos servizos públicos que a Xunta de Núñez Feijóo vén levando a cabo”, dixo. “Estamos a falar dun auténtico Goberno de demolición, carente dun programa real e das alternativas acaídas á nosa realidade económica e social”, afirmou.

A manifestación prevista para este sábado, que veu precedida xa doutras mobilizacións, entre elas unha folga, vén motivada pola situación derivada deste desmantelamento do sistema público galego de servizos sociais, concretamente no referido ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e os despedimentos habidos nas oficinas de I+B. “Estas protestas, que non só teñen carácter laboral senón que tamén inciden na denuncia do desmantelamento do sistema público, están a ser convocadas polos propios traballadores e traballadores e contan co respaldo sindical da CIG, e así mesmo do propio BNG como organización política que defende a existencia dun sistema público nacional de servizos sociais”, destacou.

O decálogo de medidas urxentes que presentou a Plataforma parte da necesidade de que se desenvolva a Lei de servizos sociais de Galiza, en vigor desde marzo de 2009. Así, demándase a posta en marcha da Axencia Galega de Servizos Sociais ou a constitución de organismos de participación previstos na Lei, como o Consello Galego de Benestar Social. Tamén se incide na necesidade de que tanto os orzamentos da Xunta como os dos entes locais inclúan partidas para o financiamento do sistema galego de servizos sociais. Por outra parte, no decálogo recóllense medidas concretas como a implantación da Tarxeta Social Galega ou a confección do Mapa galego de servizos sociais. E así mesmo reclámase, por exemplo, a consolidación da rede de Oficinas de I+B do Consorcio ou a da xestión pública dos centros de atención xerontolóxica.

Rafa Vilar destacou tamén que a anunciada política de aforro e austeridade “pregoada no seu día polo Goberno do PP non é máis que unha falacia que non se corresponde coa realidade; unha ollada aos orzamentos para o ano 2010 son fiel reflexo disto”. “A privatización de servizos públicos, como neste caso os servizos sociais, redunda na súa perda de calidade, así como na diminución tamén de empregos de calidade, ademais de que busca un lucro privado pola súa prestación. Polo tanto, a austeridade e o aforro, ulos?”, preguntouse o secretario de Acción social do BNG.