26/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas, e Xustiza, Alfonso Rueda, participou hoxe na Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e o Goberno galego, onde informou aos seus membros da vontade da Xunta de implantar en Xulgados de Ourense e de Vigo o sistema de mediación intraxudicial que xa está a funcionar con éxito en Santiago de Compostela.


O obxectivo da Xunta é estender a outras cidades galegas este sistema de mediación familiar, despois de que a experiencia se levase a cabo ao longo do ano 2009 na capital galega. As seguintes sedes xudiciais onde se implantará serán Vigo e Ourense, nunha iniciativa na que están involucradas a Dirección Xeral de Xustiza, a Secretaría Xeral de Familia e Benestar, a Fiscalía de Galicia e os Colexios de Avogados e Psicólogos.

O conselleiro de Presidencia informou hoxe aos integrantes da Comisión Mixta entre Fiscalía e Xunta -que copreside o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela- da intención do Goberno galego, que foi ben recibida polos fiscais, xa que o procedemento, que implica á autoridade xudicial, avogados e psicólogos, permite resolver de xeito amigable conflictos de tipo familiar sen necesidade de chegar a xuízo, o que axuda a desconxestionar a Administración de Xustiza.

Nova Oficina Xudicial
No seo da Comisión Mixta celebrada hoxe, fiscais e representantes da Administración autonómica tamén abordaron a cuestión da implantación da Nova Oficina Xudicial e da Nova Oficina Fiscal. Respecto á primeira delas, o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado mes de decembro o Decreto de creación da Comisión Autonómica de implantación da Nova Oficina Xudicial, que copresiden o conselleiro e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, e na que figura como vocal o fiscal superior.

O obxectivo desta comisión, xunto coa comisión técnica -na que tamén estará representada a Fiscalía- e os grupos de traballo, é coordinar e impulsar a implantación en Galicia da Nova Oficina Xudicial, en coordinación permanente co Ministerio de Xustiza. De feito, no seo das comisións estudiarase, debaterase e aprobarase o plan estratéxico para a posta en marcha do novo sistema.

Outro dos asuntos tratados na reunión de hoxe foi a dotación de medios materiais e a situación das instalacións e infraestructuras da Fiscalía en Galicia. Ademais, os membros da Comisión analizaron as cuestións operativas do xuízo do Prestige e os preparativos necesarios.

Finalmente, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, informou da situación actual na implantación nas oficinas fiscais da aplicación informática Fortuny, e moi especialmente das últimas versións da aplicación, que permitirán a interoperatividade entre este sistema informático e o Minerva, que é o que se usa nos xulgados.