27/1/10

Ponteareas : O BNG propón a creación dunha Comisión de seguimento das obras do Plan E para evitar o presunto destrago de cartos como no 2009

PONTEAREAS.(MORRAZO-TRIBUNA).- O Pleno ordinario da xaneiro, que se celebra este xoves 28, debatirá a moción do BNG para crear unha Comisión de seguimento das obras do Fondo Estatal para o presente ano 2010, “Ponteareas ten que aproveitar ben os case 2,5 millóns de euros, do Plan E do 2010, realizando os contratos con transparencia, participación veciñal e contanto cos técnicos municipais” manifestou o Portavoz Municipal do BNG, Xosé Represas

Os nacionalistas recordaron os sobrecostes das obras do 2009 nas que estragou un millón de euros, o 25% do total dos fondos, tal e como denunciaron nos últimos meses. O descontrol nestas obras ten estes días o efecto máis visible na Avda. de Galicia. Esta obra de asfaltado e ampliación de aceras, cun coste de máis de 390.000 euros, ademáis de estar sobrevalorada, o descontrol e a improvisación ten ocasionado que antes de inaugurala xa tivera que ser reparada en tres ocasións.
Para evitar esta situación o BNG propón que cada proxecto conte con informe da oficina técnica municipal, antes de ser contratado e que o control e direcciòn posterior corra a cargo dun técnico do Concello. A Comisión de seguimento das obras contaría coa participación dos colectivos veciñais ademáis dos Grupos Políticos da Corporación.
Xosé Represas tamén recordou, a solicitude realizada ao Alcalde para que traslade a todas as empresas e técnicos da localidade, por igual, toda a información para que podan concurrir as obras do Fondo Estatal para o 2010 “As Institucións Públicas teñen que garantir a información, transparencia e a libre concurrencia en todos os seus concursos pero o Concello tamén debe asegurarse que esta información chega as empresas e técnicos domiciliados na localidade”, afirmou o portavoz nacionalista, quen recordou que nas obras do 2009, a participación de empresas locais foi escasa.