28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do Catálogo de Antón Lamazares. O creador pontevedrés foi definido polo director xeral como “un exemplo de artista universal sen complexos que ten traspasado con éxito as nosas fronteiras”, e que, “desde Lalín a Berlín soubo proxectar a súa expresión artística máis internacional sen renunciar á galeguidade e ao compromiso”.


A Consellería de Cultura e Turismo colabora coa Deputación de Ourense na organización da mostra Domus omnia & Fai frío no lume, dúas series inéditas de Antón Lamazares expostas estes días no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

Francsco López gabou o exforzo de Antón Lamazares por tratar de “abrir novos espazos no mundo da arte, facendo unha achega xa recoñecida unanimemente desde hai moitos anos. O silencio elocuente da súa xeometría, das súas texturas e das súas potentísimas relacións cromáticas leva lonxe esta transformación de Galicia, esta mensaxe, na que está o auténtico de todos nós, co que cada un recibíu e co que cada un transmite para a colectividade”.

Asemade, o director xeral de Difusión e Promoción da Cultura, mostrouse seguro de que “a Antón Lamazares lle resulta familiar que nos sintamos parte do seu pincel e das súas mans, e que nos sintamos orgullosos de encontrarnos na súa obra, nos signos que toma e coloca sobre os soportes físicos, na sensibilidade creadora que nos transmite”.

Francisco López fixo mención a internacionalización da cultura, afirmando que “se miramos para atrás e comparamos a Galicia que había no exterior hai vinte, cincuenta ou cen anos, podemos comprobar, malia o incremento da competencia, que temos cada vez máis elementos recoñecibles desde as culturas relevantes que nos rodean.

“Todos sabemos que os galegos como pobo que ten recibido moito a través de millóns e millóns de quilómetros de peregrinación, temos unha bagaxe inmensa de achegas, que nos corresponde materializar, e que antes ou despois devolvemos ao mundo con toda a súa potencia creadora”, engadiu o director.