27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- O recinto feiral de Vigo acollerá por noveno ano consecutivo a Copa do Mundo Hípica, que se celebrará entre o 12 e o 14 de febreiro. Na presentación da Rolex FEI World Cup Jumping, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou que se trata dunha proba xa “incardinada na estrutura da cidade” que por unha banda promociona a cidade e por outra potencia o deporte de base.
“Só en Vigo se poderán ver os mellores xinetes do mundo en todo o estado español”, subliñou o tenente de alcalde, xa que só unha cidade por país pode ser sede da Copa do Mundo. Na súa intervención recoñeceu que o custo da organización dun evento como este é “moi importante”, pero destacou que en tempo de crise “non podemos recortar a promoción da nosa cidade”. Ao seu xuízo é preciso deixar de ver a celebración desta competición como un gasto e pola contra entendela como un investimento que ten un “forte retorno económico para Vigo”.


Santi Domínguez lembrou a orixe da celebración en Vigo da Copa do Mundo de Hípica, cando no 2002 unha delegación se trasladou a Goteborg “porque creíamos que Vigo non podía ser menos que outras cidades de Europa e do mundo”. Mencionou tamén o traballo desenvolvido conxuntamente “para que ese neno, ou nena, fose querido e apoiado pola cidade, e a propia resposta do público e patrocinadores nos impulsou a seguir impulsándoo”.

Neste sentido, o tenente de alcalde agradeceu aos diferentes patrocinadores “porque non recortaran a súa presenza nun evento tan importante para a cidade”, á delegada da Xunta en Vigo, “que dende o primeiro momento amosou o seu apoio”, e á Concellería de Deportes e a Xabier Alonso “porque son os que máis soportan o custe de este evento dende o punto de vista organizativo e administrativo”, así como á vicepresidenta do comité organizador, Rosario Andrade, e o presidente da Federación Galega de Hípica, Carlos Rodríguez, todos eles presentes no acto.

Na súa intervención, a vicepresidenta do comité organizador, Rosario Andrade, explicou que nesta edición participarán 40 xinetes, entre os que se atopan os dez máis importantes do mundo, como o francés Kevin Staut, a australiana Edwina Alexander, ou os españois Raffi Lathan e Pilar Cordón. De xeito paralelo ao espectáculo deportivo terán lugar tamén actividades como os poni games ou o Gran National de ponis.