30/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) vén de adxudicar, por un importe de 536.566 euros, unha parte dos traballos propios do mantemento anual do Complexo Medioambiental de Cerceda. Estes traballos deberán executarse durante o próximo mes de maio, momento no que, como é habitual, ten lugar a obrigatoria parada técnica das instalacións que conforman esta infraestrutura.


Co fin de garantir o correcto funcionamento do Complexo durante todo o ano e minimizar os riscos de posibles avarías e contratempos técnicos que impedirían procesar os residuos urbanos en condicións axeitadas, a Sociedade activa un operativo de servizos a través dos cales procederá á limpeza escrupulosa da planta, control de sistemas, recambio de pezas, revisión dos procesos mecánicos. Deste xeito, pretendese optimizar o rendemento do Complexo na súa integridade, preservando as condicións laborais, de seguridade e saúde dos operarios.

Labores a realizar
Entre os traballos que se levarán a cabo cómpre sinalar a montaxe, aluguer e desmontaxe de estadas na Planta Termoléctrica, servizo adxudicado, por un importe de 95.630 euros, á compañía Bis Diasa (Bis Desarrollo e Ingeniería del Andamio), así como a conservación e mantemento das dúas caldeiras coas que conta esta instalación, procedendo á substitución de tubos nos sobrequentadores, accesorios e tellas de protección, e a reparación do formigón refractario.

As empresas adxudicatarias destes traballos foron, respectivamente, Montajes, Proyectos y Mantenimientos, S.L, cunha contía de 144.870 euros, e Tecresa, S.A, con 192.553 euros.

Ademais, procederase á substitución de diferentes elementos nos fornos-caldeira que estean deteriorados e en mal estado; como é o caso das boquillas de aire de fluidificación e condutos de gases de ciclóns, tarefa encomendada a Nervión, Montajes y Mantenimientos, S.A, por importe de 52.767 euros; e sobrequentadores terciarios, adxudicado a Montajes, Proyectos y Mantenimientos, S.L, por 50.746 euros.

A Planta Termoeléctrica: o traballo máis complexo
A pesar de que o conxunto do Complexo será obxecto dos labores propios de mantemento, a Planta Termoeléctrica, que é onde se procede á valorización enerxética do Combustible Derivado dos Residuos non reciclables (CDR) producido na fase anterior, concentra o maior esforzo técnico e económico. O proceso lévase a cabo en dúas caldeiras de leito fluído circulante, a temperaturas superiores a 850 º C, facilitando desta forma unha combustión de alta eficiencia, ao tempo que se propicia a eliminación de dioxinas e furanos.

Os gases de saída do forno ceden a súa calor ao vapor que circula polo interior dos tubos que conforman os sobrequentadores das caldeiras, onde alcanza a temperatura adecuada para ser aproveitado nunha turbina que, á súa vez, move un alternador para producir enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer 100.000 fogares (unha cidade de tipo medio).

Tras ser arrefriados, os gases atravesan uns ciclóns onde se separan as partículas máis grosas, procedendo a continuación a inxectar cal apagada e carbón activo. Posteriormente pasan por un filtro de mangas para a recollida das partículas máis finas. Con esta secuencia técnica a Sociedade garante que as emisións á atmosfera estean moi por debaixo dos límites legais, propiciando un funcionamento da instalación respectuoso co medio ambiente e a saúde pública.

En todo caso, o obxectivo último da entidade é o de prestar un servizo público de calidade na xestión e tratamento dos residuos urbanos, clasificando todos os materiais susceptibles de ser reciclados e transformando en enerxía eléctrica a parte non reciclable por outras vías, obtendo un recurso de gran valor no actual escenario mundial de crise enerxética.