27/1/10

Tribuna Libre : Día para no olvidar el Holocausto

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) queremos sumar a nosa voz e a nosa razón neste día de lembranza, de dor e de condena. Porque un 27 de xaneiro de 1945, hai agora 65 anos, era liberado Auschwitz-Birkenau. Demasiado tarde para millón e medio de seres humanos transformados en cinza. Auschwitz-Birkeanu, a fábrica do horror sen nome máis perversa e brutal que teña coñecido a Humanidade.
Un primeiro de novembro de 2005, Nacións Unidas tomou a decisión de designar a data do 27 de xaneiro como recordatorio anual das atrocidades dunha traxedia que nunca máis debera suceder no mundo.
O lema aprobado daquela por Nacións Unidas no ano 2005 “Lembremos por hoxe e por sempre” manifesta con nidia claridade o obxectivo que desde todo tipo de institucións e organismos internacionais se deben marcar na xornada.
Parlamento Europeo, Goberno de España, Parlamentos autonómicos… seguiron a senda marcada por NNUU e fixeron oficial cadanseu no seu espazo e competencia territorial esta mesma data como xornada de conmemoraxción oficial.
A condena e repulsión mundial ao xenocidio sistemático e industrializado que acabou coa vida de millóns de seres humanos, xitanos, disidentes politicos, homosexuais, deficientes físicos e a seis millós de xudeus debemos lembrar que foi con certeza no seu momento, unha das razóns principais que motivaron o nacemento da propia Declaración Universal dos Dereitos do Home.
Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel, queremos e debemos, neste 27 de xaneiro de 2010, lembrar o Holocausto, a Shoáh na milenaria lingua Hebrea, e lembralo con vergonza e con horror desde Galicia e como galegos e europeos que defendemos e militamos con paixón na nosa condición humana, porque só así, non esquecendo o que hai agora 65 anos sucedeu nos campos de Europa, da nosa civilizada Europa, podemos honrar ás vítimas como estas merecen e estar así en condicións de evitar por sempre que as ideoloxías criminais que levaron a un pobo europeo e culto a desatar a barbarie absoluta na procura de aniquilar a outro pobo polo simple feito de seren xudeus, volvan a rexurdir.
E hoxe, 65 anos despois, non esquecer debe ser tamén, unha vacina para o noso futuro, para que nunca máis os nosos campos de Europa e do Mundo vexan agromar a perversión inhumana e asasina que significaron as fábricas de morte e de exterminio de Treblinka, Sobibor, Mauthausen, Majdanec, Dachau, Auschwitz…
E desde a Asociación Galega de Amizade con Israel queremos ter hoxe un recordatorio especial polo seu profundo simbolismo, do falecemento o pasaso 19 de Maio de Marcelino Pardal Pouso. O derradeiro sobrevivinte galego do campo de concentración de Mauthausen.
"Sei que a miña voz se perde no devastador ruído do tempo, agardo que as xeneracións vindeiras non nos esquezan" Violeta Friedman, sobrevivinte do Holocausto.
Vigo, 27 de Xaneiro de 2010
www.amizadeconisrael.org
amizadeconisrael@yahoo.es
Apartado de Correos 730 - 36200 Vigo (Galicia)