26/1/10


A FAVEC nunca permitirá que se elimine a voz do movemento veciñal nos consellos sectoriais

As declaracións da Concelleira de Educación no pleno municipal un novo intento de apartar á Federación Veciñal dos asuntos de cidade

As palabras da Concelleira de Educación Lopez Atios no pleno de onte de eliminar á FAVEC dos consellos sectoriais atenta de cheo contra o regulamento de participación cidadá que no seu artigo 44 establece que a composición dos consellos municipais incluirá sempre a un representante da Federación de Asociacións Veciñais. Fronte a este dereito recoñecido polo regulamento do ano 1991 e o regulamento orgánico de participación cidadá publicado (DOGA do 31 de marzo de 2006), a Concelleira da Área de Cultura Laura López Atio propuxo cambiar a representación da FAVEC por un simple representante veciñal.
Temos que lembrar obrigatoriamente a esta señora que a Federación Veciñal representa a 35 asociacións veciñais da cidade e a máis de 100.000 familias que participan da vida asociativa nos barrios e parroquias a través do labor do movemento veciñal, pero tamén temos que lembrarlle que somos unha entidade declarada de utilidade pública municipal segundo o artigo 18 do regulamento que establece como criterios o de ser unha asociación de interese xeral no ámbito do termino municipal de Vigo, o obxecto social e actividades realizadas a prol do concello e o ámbito de poboación afectado polas actividades da entidade e grao de participación dos ciudadáns nelas.
A Federación Veciñal ten dereito a estar en todos e cada un dos consellos sectoriais porque así o establece o regulamento e porque non imos permitir que se nos aparte por puro capricho político e intereses partidistas. Non estamos dispostos a que o grupo do PSOE cambie esta normativa para manexar ao seu antoxo a participación da cidadanía nos asuntos públicos, para que unha vez máis poda levar aos seus colegas aos foros que precisan dunha auténtica participación democrática, tal e como fixo naquel vergoñento pleno do PXOM.
Pedímoslle por último a esta Concelleira que non faga de adiviña de pega e non se preocupe polo futuro porque, segundo di ela, esta federación no futuro pode non ser a maioritaria, ao que temos que dicir que polo de pronto somos a única recoñecida de interese municipal, a única que integra a 35 asociacións veciñais da cidade e a máis representativa do tecido asociativo de Vigo.

Xosé Couñago Ribeira                        Elena González Sánchez