27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, recibirá a dous representantes da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo "Cíes" que se desprazan a Bruxelas co fin de defender a petición do saneamento integral da ría de Vigo, que vai ser debatida mañá xoves 28 de xaneiro ás 11.30 horas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.


“O BNG vai apoiar, a través do grupo Verdes-Alianza Libre Europea, esta petición de saneamento integral da ría de Vigo, que será debatida na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo”, manifestou Ana Miranda. Así, a portavoz do BNG en Bruxelas recibirá os representantes da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo "Cíes" que defenderán esta petición, a instancias do Parlamento Europeo. Ademais, manterán entrevistas co eurodeputado catalán Oriol Junqueras e coa danesa Margrette Auken, membros da Comisión de Peticións do grupo Verdes-ALE e con representantes doutros grupos parlamentares.

“As instalacións desta estación depuradora de augas residuais, que foran realizadas con fondos europeos, conteñen supostos erros de funcionamento, deseño e execución, segundo consta na denuncia, ademais de causaren molestias aos veciños da zona”, explicou a voceira do BNG. “Mesmo poderían incumprir a normativa comunitaria de protección ambiental Hábitats, así como afectar a un dos areais máis importantes de Vigo, como recolle a petición da Plataforma pola Defensa da Ría “Cíes””, sinalou Ana Miranda. “O colectivo desprazado a Bruxelas solicitará a realización dun estudo integral da ría de Vigo que tome en consideración a protección ambiental”, anunciou.

O BNG considera que a Presidencia española da UE obviou o tema ambiental no programa deste semestre e lembra que o Estado español ten aberto un procedemento de infracción por incumprimento da normativa ambiental sobre este tema.