28/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).-O tenente de alcalde, Santi Domínguez, afirmou hoxe en resposta aos medios que o BNG nunca se porá tras a pancarta da manifestación do día 9 de febreiro que ten o título “moi claro” de “non quero que Caixanova se quede en Vigo”. Tras a xuntanza que o nacionalista mantivo cos representantes das asociacións de hosteleiros, hoteleiros e axencias de viaxe da cidade, Santi Domínguez asegurou que o BNG “só irá tras unha pancarta que diga que o poder de decisión se quede en Vigo e Galiza”.
Santi Domínguez afirmou que se trata de dúas pancartas diferentes e que os vigueses “saberán elixir entre unha e outra”. Explicou que a xuntanza cos representantes dun sector tan importante para a economía viguesa como os hosteleiros, hoteleiros e axencias de viaxe tiña o obxectivo de trasladarlles a posición do BNG sobre o futuro das caixas galegas e de Caixanova.
Segundo explicou o tenente de alcalde, só hai dous escenarios posibles: que as caixas galegas se vaian fóra, ou a súa integración nunha caixa galega que manteña o poder de decisión en Galiza “e que cumpre o mandato das tres forzas políticas no Parlamento galego e do pleno da Corporación municipal de Vigo, que o votaron por unanimidade”. Neste sentido sinalou que quen votou iso e agora vota por un SIP non está sendo coherente, xa que o SIP supón que o poder se traslade de Vigo a Madrid.
“Creo que o alcalde debería explicar cal é o motivo da mobilización, que non é outro que a defensa dun SIP e a creación dun banco central con sede en Madrid”, manifestou Santi Domínguez. Respecto á cuestión formulada polos medios sobre se a manifestación do 9 de febreiro será “masiva”, o tenente de acalde sinalou que calquera vigués ou viguesa que acuda a esa mobilización “ten toda a lexitimidade do mundo”, pero que debe informarse e saber que esa manifestación “non é a favor de que Caixanova se quede en Vigo”. Por outra banda, explicou que o BNG cre na liberdade e a lexitimidade de calquera cidadán ou cidadá para manifestarse “polo que crea convinte” polo que dixo que o BNG non fará nada para freala.
A preguntas dos xornalistas sobre a solicitude do Partido Popular da convocatoria dun pleno para votar a pertinencia ou non da manifestación convocada polo alcalde, Santi Domínguez dixo que non dispoñía formalmente desa petición, pero que o BNG non ten ningún problema en debatir sobre o futuro das caixas en ningún sitio. Sen embargo, lembrou que o pleno da Corporación municipal “xa se pronunciou por unanimidade e dixo que quere que as caixas galegas sigan tendo o poder de decisión en Galiza”. Ao respecto engadíu que a convocatoria da mobilización vai “contra o que dixo o pleno”.