27/1/10

PONTEVEDRA/VIGO.(MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta de Galicia coordinará un grupo de traballo das empresas deportivas galegas para que a nosa Comunidade se converta nun referente na industria do deporte español. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, anunciou hoxe esta decisión no transcurso da presentación en Madrid da plataforma tecnolóxica Inesport, creada por empresas do deporte co obxectivo de axuntar esforzos en investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) e coordinar as súas actividades, ademais de mobilizar ao sector nesta aposta.


A Xunta de Galicia está traballando na posta en marcha dun grupo de coordinación integrado polos diferentes sectores para xuntar esforzos para a potenciación dun sector que desempeña un papel crave na industria do deporte español, que crea máis de 110.000 postos de traballo en España e xera 9.000 millóns de euros ao ano, aproximadamente o 2 por cento do Produto Interior Bruto (PIB). Galicia conta con empresas de referencia no téxtil, da xestión de instalacións ou de equipamento.

Explotar todo o potencial de Galicia é a finalidade da Xunta, que pretende a agrupación das partes interesadas ao redor dunha visión e enfoque común para o desenvolvemento da industria nacional do deporte. Nese marco, está prevista a posta en marcha por parte da nova plataforma dunha Axenda Estratéxica de Investigación para a mobilización da masa crítica de investigación aplicada para favorecer o desenvolvemento e a transferencia, propiciando a innovación industrial e con iso o posicionamento na industria nacional.

José Ramón Lete entende que o deporte constitúe un fenómeno sociocultural e económico incuestionable que vai máis aló do seu propio núcleo de influencia directa, afectando a un gran número de ámbitos de actividade diferentes, relacionados coa demanda de: construción de infraestruturas deportivas, fabricación de equipamento deportivo, pavimentos deportivos, produtos deportivos, pezas deportivas, dietética e nutrición, servizos sanitarios ou de rehabilitación, actividades de información e comunicación e turismo, entre outras. Debido a ese pensamento a iniciativa pretende beneficiarse do carácter transversal que ten o deporte e que fai que inflúa considerablemente nas sociedades actuais, con independencia da súa orixe e contexto social, político ou económico. O seu rango de intervención é moi amplo e é aquí onde radica a súa importancia.

O deporte proporciona un área óptima para a transferencia de innovacións procedentes de contornas tecnoloxicamente esixentes que atopan as súas primeiras aplicacións de consumo masivo (o snowboard e as zapatillas deportivas son un bo exemplo diso). O deporte actúa como tractor de tecnoloxía, de novos conceptos, actividades e oportunidades e ademais, dispón dunha capacidade privilexiada de transferencia a outros sectores e, por suposto, á sociedade.