29/11/10

La nieve ya está aquí :
la cota será incluso de 300 metros tan solo

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pertencente á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por neve que afectará a partir das 15.00 horas de hoxe, luns, ao interior de Pontevedra e na zona de Valdeorras e noroeste da provincia de Ourense, con rexistros que poden superar os 5 centímetros en acumulación de neve; e os 8 cm. no sur da provincia ourensá. A cota de neve descenderá a 300/500 metros durante a madrugada.
Nivel amarelo
Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), tamén se esperan precipitacións en forma de neve con rexistros que poden superar os 3 centímetros no interior da provincia da Coruña, no sur de Lugo e na zona do Miño na provincia de Ourense (nivel amarelo); mentres que se superarán rexistros de 15 cm. nas zonas montañosas de Ourense e de 10 cm. en Lugo (nivel amarelo).
Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos, bombeiros e Deputacións das catro provincias, así como aos servizos provinciais de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Administración Xeral do Estado e ás empresas de ámbito galego.
Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción de acorde coas especificidades climáticas descritas, tales como pode ser evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias ou revisar o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.