27/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistraron unha iniciativa parlamentar en ambas Cámaras para denunciar que un dos custes que vai disparar a factura da luz a primeiros de ano é a compensación ás centrais prexudicadas pola aplicación do Decreto do Carbón.
Hoxe o Goberno notifica a porcentaxe de subida da luz que todos os indicadores sitúan no 10%
Na xornada de hoxe o Goberno vai notificar cal será a porcentaxe de subida da luz a partir do 1 de xaneiro, que según todos os indicadores podería situarse en torno a un 10%. “Unha pésima noticia para as economías domésticas, moi castigadas xa polas consecuencias da crise económica”. A mesma Comisión Nacional da Enerxía explicou que o aumento tamén se debe ás compensacións dos denominados pagos por capacidade. “É dicer, ao carto que hai que desembolsar para compensar ás centrais afectadas pola aplicación do Decreto do Carbón que beneficia o uso do carbón español”.
No conflito polo Decreto do Carbón, o BNG criticou o sistema de compensacións ás eléctricas defendendo sempre o dereito a manter a actividade dunhas centrais galegas que realizaron grandes investimentos para se adaptar á produción con carbón foráneo, máis barato e menos contaminante.
Os dous parlamentares do BNG lembran que na súa xunta do 21 de decembro, a CNE aprobou o cálculo exacto do custe da tarifa de último recurso (TUR) a partir do 1 de xaneiro. Según este órgao, o incremento da luz será dun 10,3%.
O Goberno debe modificar o Decreto do Carbón, un dos responsábeis de que o custe da luz se dispare
Jorquera e Pérez Bouza poñen de manifesto que o BNG “demandou en varias ocasións ao Goberno unha modificación do Decreto do Carbón que prexudica ás centrais térmicas galegas que empreñan carbón importado. Incluso plantexamos ao Goberno distribuir de xeito equitativo a redución na produción que conlevará a cota reservada á produción eléctrica con “carbón nacional” entre todas as tecnoloxías e non só entre as térmicas e as de ciclo combinado, co fin de asegurar o mantemento da súa actividade. Ao mesmo tempo, advertiamos das consecuencias que podía ter o decreto no prezo da electricidade a pagar polos consumidores”.
Salientan que o Goberno pactou coas empresas eléctricas, Endesa, Iberdrola e Gas Natural estas compensacións a cambio de retirar os recursos xudiciais que interpuxeron contra o Decreto do Carbón.
Neste sentido, formulan ao Goberno unha serie de perguntas: “Qué explicación ofrece o Goberno ante as conclusións da CNE sobre o feito evidente de que un dos responsábeis do incremento da factura eléctrica son as compensacións ás centrais prexudicadas pola aplicación do Decreto do Carbón? Segue o Goberno a defender contra vento e marea este Decreto? Non cre que vai traer máis consecuencias negativas que positivas?”.
Razón pola que demandan ao Executivo que reflexione e proceda a modificar o Decreto aludido para evitar o impacto negativo nas centrais térmicas de carbón importado ou das de ciclo combinado de gas. “Non resulta evidente que non só prexudica ás térmicas galegas senón a millóns de consumidores que van ter que pagar máis pola electricidade?
Por último, peden ao Goberno “medidas como a proposta do BNG de distribuir de xeito equitativo a redución na produción que conlevará a cota reservada á produción eléctrica con “carbón nacional” para evitar que millóns de cidadáns teñan que facer fronte a un incremento desmesurado da factura da luz”.