29/12/10

Deputación : novos contratos laborais
ó abeiro do proxecto “Mobilia II”

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinou onte 30 novos contratos laborais ó abeiro do proxecto “Mobilia II”. Os contratados, entre os cales figuran 8 mulleres, traballarán durante 6 meses ­prorrogables ata un ano enteiro­ na elaboración de mobiliario e diferentes equipamentos.
Este obradoiro de emprego, inclúe dúas etapas: unha teórica de formación profesional en soldadura e carpintería e outra práctica na que os alumnos materializan ós coñecementos adquiridos mediante a fabricación de mobiliario urbano destinado, entre outors, ós concellos da provincia. Deste xeito, explicou Louzán, «Mobilia, ademais de ofrecer formación profesional ós desempregados e, así, aumentar as súas posibilidades de acceder o mercado laboral, tamén presta un servizo ós municipios».
Entre o mobiliario que crearán os alumnos do proxecto pódese atopar: bancos, mesas, paneis informativos e papeleiras, destinados ó equipamento das rutas fluviais sitas nas marxes dos ríos Chanca, Cañón, San Martiño e Umio, nos concellos de Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo; mesas de traballo, cadeiras, estantes, mesados con vertedeiro, mesados con caixóns e paneis corredeiros, para mellorar as instalacións dun aula formativa do Centro Príncipe Felipe; e diferentes equipamentos para o Centro Vacacional de A Lanzada, no concello de O Grove, e para as praias de Panadeira e Paxariñas, ambas en Sanxenxo.
Mobilia II
MOBILIA II está organizado pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios, a Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. O seu obxectivo principal é formar a persoas en situación de desemprego, maiores de 25 anos para conseguir a súa posterior inserción laboral. Ten unha duración máxima de 12 meses .