23/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse, esta mañá, no Parlamento, e se a Galicia o Goberno central non lle retira os 243 millóns de euros que lle corresponden do Fondo de Cooperación, a levar á Cámara, no primeiro semestre de 2011, a Lei de Garantías da Demora Sanitaria para establecer unha garantía máxima por patoloxía en función da gravidade dos pacientes. “Estamos a falar, en definitiva, - aseverou- de prazos máximos de lista de espera, seguro de listas de espera na Sanidade Pública, por primeira vez en Galicia”.

A pregunta do Partido socialista, o responsable autonómico afirmou que o Goberno galego “non xogará nunca con estatísticas e coas patoloxías, porque é unha irresponsabilidade. Plantexamos –salientou- as prioridades nas patoloxías máis graves”. E neste sentido, lembrou que cando gobernaba o bipartito, “as patoloxías máis graves tiñan unha media de 54 días para a atención; hoxe, un mes menos: de 54 días a 21 días. A media do bipartito en pacientes de máis de doce meses foron de 1.325 pacientes ao ano; neste momento, hai 72, unha baixada do 94%. A media en pacientes de 6 a 12 meses do bipartito foi de máis de 5.300 persoas; agora hai 3.400, unha baixada do 36%. E o tempo medio de espera da lexislatura foron 113 días; actualmente, 91 días a setembro, unha baixada do 22%”.

Diante destes datos, destacou que nas listas de espera hai dúas posibilidades: “a técnica do bipartito de pechar as axendas e non dar cita; e a técnica deste Goberno de abrir as axendas e dar citas”. E adiantou que, “a finais deste ano 2010, se as cousas seguen como van, estaremos na prioridade 1 con menos de 30 días, cando vostedes tiñan case dous meses; na prioridade 2, con menos de 60 días; e no total, 70 días”.

No tocante ao Complexo Hospitalario de Santiago, Feijóo subliñou que “os datos tamén están aí: no bipartito, o tempo para unha patoloxía grave era de 52 días, agora é de 20 días; o rendemento cirúrxico do Complexo de Santiago estaba no 75%, agora está no 78%; e a demora media en consultas externas estaba en 81,5 días, agora en 73,4”.

Por último, o presidente da Xunta lamentou que o responsable do PSdeG insista en poñer en dúbida a profesionalidade e a honestidade dos médicos galegos: “lamento –dixo- que estea imputando falsamente unha trama fraudulenta aos médicos do Servizo Galego de Saúde”. E, logo de volver pedir “desculpas da clase política cara ao colectivo do Sistema Sanitario Público”, demandou ao PSdeG “que faga unha oposición responsable, como debería de facer un partido da súa importancia electoral”.