15/12/10

FECIMO critica a decisión do Concello de Moaña de suprimir a iluminación navideña

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA -  [MOAÑA - O Morrazo]
Dende xa hai 10 anos e como ven sendo habitual, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo_FECIMO (entidade comarcal na que se atopa integrada a Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña-ACIMO, xunto coas asociacións locais de Bueu e Cangas) colabora na posta en marcha da iluminación de Nadal da vila de Moaña. Esta participación enmárcase dentro das actividades que FECIMO leva a cabo para a promoción e dinamización comercial dos nosos centros urbanos, ao entender que, ditas actividades redundan no beneficio de toda a sociedade ao crear uns espacios urbanos máis amables, agradables e acolledores.
Con isto o comercio quere contribuir a reforzar a imaxe do centro comercial urbano de Moaña, integrando o comercio na vida das persoas da vila e facendo que as xentes de Moaña o sintan como un tecido comercial vivo que non só se nutre da sociedade senón que forma parte dela e aporta accións e valores para mellorar a vila.
Na nota informativa que hoxe FECIMO levou aos medios de comunicación, a Federación dí textualmente que "esta política de comercio “activo” ten especial énfase na campaña de Nadal, onde tradicionalmente a Federación de Comerciantes e Industrias do Morrazo-FECIMO, ben colaborando no alumeado navideño da vila. FECIMO, entende que nesta época e donde máis se precisa deste tipo de actividades que creen un vinculo ou sentimento de unión entre comerciantes e veciños, ao tratarse dunha data especial no ano onde, por un lado se produce un forte incremento das vendas, e por outro, se consolida unha das máis fortes tradicións culturais da nosa sociedade como é o Nadal.
Un ano máis, dende FECIMO ofrécese ao Concello de Moaña a colaboración para a instalación do alumeado de Nadal, dado que como vimos apuntando nos últimos tempos, entendemos que sería triste, e crearía unha imaxe de abandono e depresión o non acondicionar as rúas nunha data tan sinalada do
ano. Dende FECIMO entendemos que recibir unhas navidades sen luces de cores, estrelas, papanoeis, etc., e sinónimo de darlle a espalda á sociedade de Moaña en xeral e ao comercio da Vila en particular. Unha decisión que criticamos abertamente ao por en perigo á imaxe do comercio e a cultura do
Nadal que ata agora predominaba na nosa Vila.
Con esta decisión, o Concello de Moaña non apoia aos comerciantes nunha época do ano onde a unión, os reencontros, e os bos propósitos deberían ser os únicos valores dos que se debería falar. Dende FECIMO lamentamos que o Concello de Moaña non teña a mesma vontade que outros Concellos veciños como Cangas ou Bueu que, pese a estar pasando tamén dificultades, entenden que o tecido comercial das súas vilas é un dos maiores activos das mesmas, ao servir de efecto reclamo para as xentes de cada Concello.
Dende FECIMO lamentamos por tanto a falla de compromiso e vontade de colaboración por parte do Concello de Moaña. A Federación de Comerciantes e Industrias do Morrazo quere deixar ben claro, e comunicar aos seus asociados e a toda a sociedade de Moaña, que o compromiso da asociación é total, que o orzamento para colaborar no alumeado de Nadal está aprobado e dispoñible e que a responsabilidade única de que dito alumeado non se leve a cabo é do Concello de Moaña, quen en reiteradas conversas rexeitou aceptar á colaboración de FECIMO argumentando que este ano non se ian decorar as rúas durante o Nadal.
O Morrazo, a 15 de decembro de 2010"