29/12/10

FEIJÓO reivindica papel de Cámaras de Comercio

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, esta tarde, a importancia de colaborar e de traballar de xeito coordinado entre a Xunta e as Cámaras de Comercio para levar a cabo a internacionalización das empresas galegas e o desenvolvemento axeitado da nova Lei de Comercio Interior de Galicia. “Saír deste momento difícil e afrontar o máis axiña posible a recuperación económica e a volta á creación de emprego –dixo- é un obxectivo de toda a sociedade galega e, desde a Xunta queremos liderar ese proceso a través do traballo conxunto para reforzar e renovar o tecido produtivo galego”.
No tocante ás medidas para a internacionalización das empresas, Feijóo, que presidiu, en Tui, o acto de entrega das Medallas ao Mérito das Cámaras de Comercio, referiuse ao Plan de Fomento das Exportacións Galegas, “hoxe reactivado como un dos instrumentos máis eficaces para fomentar o comercio exterior, especialmente enfocado cara as pequenas e medianas empresas”. E destacou o papel das nove cámaras galegas, xunto con máis de 1.000 empresas, que colaboran no Plan en 2010, que con 4,76 millóns de euros de orzamento, supuxeron un aumento do 33% respecto ao 2009.
A pesar das restricións orzamentarias para 2011, o presuposto que a Xunta destinará á internacionalización das empresas galegas volve medrar nun 11%, o que supón un crecemento acumulado de máis do 65% sobre o ano 2009.
Feijóo amosouse seguro de que a creación do Consello Galego de Internacionalización poderá converterse “na gran alianza” que nos permita promover a marca Galicia en todo o mundo dun xeito unido e sen duplicidades. E salientou o decisivo papel que as Cámaras de Comercio van desenvolver neste novo organismo xunto co Goberno galego e as asociacións empresariais, tanto de Galicia como de empresarios galegos no exterior.
Así mesmo, destacou a necesidade de seguir traballando de xeito coordinado para o desenvolvemento axeitado da recentemente aprobada reforma da Lei de Comercio Interior de Galicia. “Con esta nova Lei, froito do consenso e na que se recollen importantes achegas do sector, preténdese adaptar a norma á realidade actual e, con elo, acadar un equilibrio entre a defensa dos dereitos do consumidor e os intereses do pequeno e mediano comercio dentro dun escenario de liberalización europea derivado da Directiva de Servizos. Con esta norma dotámonos dun marco legal moderno, estable e seguro, sobre o cal proxectar o futuro dun sector solvente, e capaz de fortalecer os resortes da nosa economía”.
Este compromiso queda tamén recollido, segundo explicou, no Plan Ágora "que, cunha dotación que rolda os 130 millóns de euros, atende as necesidades reais dos comerciantes, facendo especial fincapé en aspectos fundamentais para garantir o seu futuro, como son: a innovación, a mellora da competitividade ou a súa adecuación ás características territoriais, sociais, culturais e económicas de Galicia”.
Diante deste panorama, Feijóo afirmou que “tanto na internacionalización das nosas empresas como no reforzamento do noso tecido comercial, imos ter, por tanto, sobradas ocasións para estreitar os lazos de colaboracións existentes entre a Xunta de Galicia e as Cámaras de Comercio”.