14/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación por preto de 1,7 millóns de euros da mellora da estrada Samil- Canido, ao seu paso por Vigo. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, cumpre, desta forma, a promesa feita o pasado 23 de agosto de licitar a obra antes do remate do presente ano. Con isto, materializase o compromiso da actual Xunta coa seguridade vial en Vigo.
O departamento que dirixe Agustín Hernández decide levar a cabo esta actuación xa que na actualidade este treito da estrada PO-324, que discorre pola zona urbana de Canido, non dispón de beiravías e o firme da calzada encóntrase moi deteriorado. Para mellorar a seguridade dos peóns, así como dos usuarios desta vía, levaranse a cabo sendas peonís en ambas marxes da calzada e a reposición do firme. Grazas a esta actuación o ancho do vial chegará en determinados puntos a case os 10 metros.
As obras recollidas neste proxecto construtivo, que terá unha duración de 12 meses, implicarán executar melloras na rede de pluviais, polo que se instalarán tubaxes para garantir a recollida de augas pluviais, cos correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro. Tamén será necesario actuar na rede de abastecemento, xa que os actuais tubaxes encóntranse en mal estado, ao que haberá que engadir válvulas de comporta, ventosas, bocas de rego e acometidas domiciliarias. Esta actuación rematarase coa instalación do alumeado público, así como da sinalización vertical e horizontal.
Con esta actuación tratarase de consolidar unha mellora na seguridade vial das rúas así como na calidade de uso e acabados. Este proxecto tamén permitirá ampliar os espazos destinados ao tránsito peonil e establecer uns percorridos mellor coordinados do tráfico rodado, o que redunda na humanización do entorno.