16/12/10

IMPORTANTE AVANCE : posta en marcha do Laboratorio Oceanográfico de Calibración

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
A posta en marcha do Laboratorio Oceanográfico de Calibración do Centro Tecnolóxico do Mar contribuirá á mellora da observación oceanográfica e meteorolóxica ao permitir asegurar a calidade dos datos das redes de medida. Así púxose de manifesto hoxe no acto de inauguración da nova infraestrutura, que tivo lugar na sede da Fundación CETMAR en Vigo coincidindo coa reunión plenaria dos socios do proxecto europeo RAIA “Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica”, cuxos fondos permitiron sufragar en grande parte esta nova infraestrutura.
A eles se referiu a directora xerente do CETMAR durante o acto de apertura das novas instalacións. Paloma Rueda Crespo agradeceu aos representantes das trece institucións de Galicia e Portugal que traballan conxuntamente neste proxecto o feito de que apostaran dende o principio pola creación do Laboratorio de Calibración no Centro, unha infraestrutura que, dixo, contribuirá a que os datos obtidos polas redes de observación oceanográfica sexan “máis fiables”.
Precisamente mellorar as infraestructuras desas redes, así como as prediccións e a capacidade de observación dos océanos son obxectivos do proxecto RAIA. Así o explicou Vicente Pérez, director de Meteogalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras que coordina esta iniciativa. Ademais da posta en marcha do novo Laboratorio, RAIA ofrece xa outros servicios para usuarios finais a través do portal www.observatorioraia.org.
Coa implicación de trece entidades galegas e portuguesas dos ámbitos tecnolóxico, científico e operacional, o proxecto RAIA ten como obxectivo dar servicio a usuarios finais, estando entre os beneficiarios desta iniciativa as confrarías, os percebeiros, os operadores turísticos, os centros de investigación, a administración e a sociedade en xeral. Cara ao futuro, e ademais de entrar no sector das enerxías renovables, o proxecto terá continuidade en “RAIA.co”, que propiciará a mellora da calidade e a cantidade da información proveniente de RAIA, ademais de novas redes de observación e novos servizos. O orzamento de ambos os dous proxectos rolda os 6 millóns de euros.
Parte deses fondos destináronse a dotar ao novo Laboratorio Oceanográfico de Calibración do CETMAR que, segundo explicou Silvia Torres, responsable da Unidade de Tecnoloxía Mariña da que dependen estas instalacións, son únicas na península ibérica, xa que ata agora era obrigado enviar o instrumental a calibrar fundamentalmente a Estados Unidos, co conseguinte costo económico e en tempo.
Tanto a propia rede de observación do proxecto RAIA como outras de España, Portugal e Europa serán usuarios do novo Laboratorio, ademais de todos os equipos oceanográficos que requiran ser calibrados, ou empresas de consultaría ou enxeñería que empregan estes equipos para o desenvolvemento de tarefas no ámbito mariño. Cara ao futuro, e dentro de “RAIA.co”, está prevista a ampliación dos servizos a outros sensores de amplo uso na oceanografía, como osíxeno disolto, pH e hidrocarburos.
Ademais do Laboratorio, a Fundación CETMAR ven de por en marcha un taller oceanográfico, unha piscina para probas de instrumental e un laboratorio de electrónica, infraestruturas financiadas pola Padroado da institución que permitirán o desenvolvemento do traballo da Unidade de Tecnoloxía Mariña. A súa coordinadora, Silvia Torres, precisou que o obxectivo do Centro neste ámbito é “impulsar o desenvolvemento de tecnoloxía mariña propia” e citou como exemplo o deseño e construcción dun vehículo autónomo submarino no que se está a traballar en colaboración con empresas da zona e dentro do proxecto “PSE-PROMARES”, iniciativa financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

PREMA NO TITULAR DA NOTICIA PARA VER AO COMPLETO



Sobre o proxecto RAIA

Coordinado por MeteoGalicia, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), e ademais do CETMAR, en RAIA participan o Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental de Portugal; as facultades de Ciencias e de Engenheria da Universidade do Porto; o Instituto de Engenhería Mecanica e Gestao Industrial portugués; o Instituto de Engenhería de Sistemas e Computadores do Porto;o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC); o Instituto Español de Oceanografía; o Instituto Hidrográfico; o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) da Consellería do Mar; o Centro de Estudios do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro e a Universidade de Vigo.

O proxecto está financiado pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP).