31/12/10

O presidente da Xunta, na súa mensaxe de Fin de Ano, afirma que “é, a través dos feitos”, a mensaxe que Galicia envía a España e aos galegos

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe, na súa mensaxe de Fin de Ano desde a Cidade da Cultura, a fusión das caixas, o diálogo social e o Xacobeo como “historias de superación, durante 2010, nas que podemos apoiar as nosas esperanzas en 2011”. “É, a través dos feitos, a mensaxe que Galicia envía ao resto de España e tamén nola enviou ao conxunto de todos os galegos. Unha mensaxe de unidade, esforzo e compromiso”, aseverou.

Nun primeiro termo, Feijóo lembrou que, “se hai un ano eran moitos os que sentían recelos sobre unha posible unión das nosas caixas e outros daban por perdido o noso patrimonio financeiro, acostumados a que Galicia vivira no pasado outras historias que remataron con despedidas. Sen embargo, contra eses prognósticos e os intentos interesados de que non sucedera, neste mesmo mes de Nadal, Galicia ratificou a súa permanencia no mapa financeiro español. As dezasete Comunidades Autónomas queríano e tentárono; soamente cinco o acadaron, e Galicia estivo entre estas últimas”, aseverou.

Segundo afirmou, coa fusión das caixas, non soamente nos dotamos dunha importante ferramenta para complementar o apoio aos emprendedores, aos servizos sociais ou á nosa cultura; “senón que máis aló da súa relevancia financeira –matizou-, mostramos que, unidos, sen divisións que agravan os problemas, podemos chegar a resolvelos”.

Co mesmo compromiso polo interese xeral e nun momento convulso na nación por unha folga xeral; Feijóo recordou que “Galicia foi, sen embargo, capaz tamén de acadar esa unidade, tan necesaria, coa firma do diálogo social entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia”. “Un acordo co que apoiamos accións e medidas contra o desemprego; pero un acordo tamén que mostra que hai sindicatos, hai empresarios e hai políticos en Galicia que están comprometidos cos problemas do seu país, cos seus cidadáns e que fan todo o posible por respaldar, desde as súas competencias, esa esperanza que, insisto, sempre debemos manter”.

O mellor Xacobeo da nosa historia
A unha horas de pechar a Porta Santa, e con ela este Ano Santo 2010, o presidente autonómico salientou que, “pese a que houbo escaso marxe de preparación, pese a que contabamos con moito menos orzamento que en edicións anteriores, este ten sido o mellor Xacobeo da nosa historia. Unha nova mostra de que se poden obter bos resultados nos momentos máis difíciles”.

Neste sentido, subliñou que máis de 9 millóns de persoas viñeron a nosa terra durante este ano, “é dicir, máis visitantes que nunca antes, cuantifican o éxito colectivo de todo o pobo galego, que se uniu arredor dunha ilusión e que acadou na peor crise posible, o mellor Xacobeo posible”.

“Co Xacobeo, Galicia se mostrou ao mundo como é: un pobo aberto no que sempre hai un Camiño para todos; un pobo esforzado, e sacrificado polo benestar dos demais; un pobo comprometido cando máis se lle necesita; e un pobo unido e perseverante, que non se rende, ata acadar o que se propón”.

Esperanza para os momentos de maiores dificultades
Feijóo quixo transmitir unha mensaxe de esperanza a todos os cidadáns “e, especialmente, aos que estades agora pasando momentos de maiores dificultades”. “Quero dicirvos que todos os galegos compartimos a vosa lóxica preocupación. Que hai un pobo disposto a loitar por reverter este momento e que, máis aló das diferenzas partidistas, hai tamén unha política útil, que non se esconde, e que pon todo o seu empeño e compromiso en tentar acertar, cunha diagnose realista, no tratamento que se debe aplicar a esta situación”.

“Somos moitos os galegos que, ao longo desta difícil historia común, temos vivido tamén o drama familiar de paro e temos pasado estas datas coas inquedanzas que demasiados de vós atopades agora. Desde a experiencia persoal propia e tamén desde a responsabilidade que exerzo neste momento –francamente difícil- quero dicirvos que sempre debe haber un espazo para a ilusión e que nunca o desalento debe chegar á vencela. Sempre hai un día seguinte que pode non ser como o anterior e hai historias de superación, seguro que tamén nas vosas propias familias, nas que podedes apoiar esa esperanza. Historias de superación como as que, ao longo deste 2010, ten escrito o pobo galego, incluso cando se presentaban as peores perspectivas”.

“E esperanza –engadiu- para que, ao igual que acadamos que o ano 2010 teña sido o ano de Galicia; coa unidade, o esforzo e o compromiso de todos, fagamos que o 2011 poida ser o ano de todas as galegas e todos os galegos”.

Unidade para non caer en pugnas nin en localismos
O responsable do Goberno galego avogou pola unidade “para non desgastarnos en loitas internas improdutivas e centrarnos no que verdadeiramente importa. Para non caer en pugnas e divisións entre partidos por intereses que non son os xerais; nin en localismos que soamente frean o desenvolvemento dos concellos porque os condenan a vivir nun país máis cativo”.

“Unidade, si, para cooperar entre veciños de tal xeito que se poidan mellorar os servizos, como por exemplo coas áreas metropolitanas. Ou unidade, si, para acadar un país máis competitivo, que neste 2011 pode ter, por primeira vez, un crecemento lóxico e racional coas Directrices de Ordenación do Territorio e co Plan do Litoral aprobados recentemente”.

Esforzo e compromiso para priorizar e xestionar con eficiencia
E avogou polo esforzo nos momentos máis difíciles. “Esforzo para que Galicia prosiga polo camiño da austeridade, a planificación e o rigor. Esforzo para que Galicia sexa parte da solución dos problemas de España e, por tanto, unha das Comunidades Autónomas que cumpren coa Lei de Estabilidade Orzamentaria pese ao alto déficit público do Estado ou, tamén, -a Xunta- unha administración que traballa para seguir sendo solvente e que cumpre en prazo cos pagos aos seus provedores”.

Para saber priorizar e para xestionar con eficiencia, Feijóo apostou polo compromiso. “Compromiso para tentar facer máis con menos. E compromiso para que, nun momento de menos recursos públicos, Galicia siga a ser un país de benestar que mantén todos os seus servizos básicos, que cada día incrementa o seu número de prazas públicas de residencia para a terceira idade e de gardería ou que, por exemplo, pese as dificultades, non renuncia a que máis de trinta concellos teñan novos centros de saúde públicos ou tres cidades, tres novos hospitais públicos para mellorar as prestacións que reciben os seus cidadáns”.

Unidade, esforzo e compromiso para que esa esperanza non quede nunha palabra baleira; “senón que se encha con novos bríos que permitan á nosa terra distanciarse cada vez máis daquela doce mágoa das Españas que cantou o poeta, e seguir sendo unha terra moderna e inconformista, na que nesta Cidade da Cultura que abriremos ao mundo en once días, ve un novo reto que pode volver superar”.

O presidente do Goberno galego tivo, tamén, na súa mensaxe de Fin de Ano, un saúdo especial para aqueles galegos que viven estes días de Nadal na emigración ou desenvolvendo unha tarefa solidaria en calquera lugar do mundo.

A GUILLERME VAZQUEZ LE FALTÓ TIEMPO PARA CRITICAR A F-009

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considera que o discurso de Fin de Ano pronunciado hoxe polo presidente do Goberno galego é a “demostración palpábel” de que Alberto Núñez Feijóo carece de “diagnósticos, propostas e estratexias” para enfrentar a crise económica.
Do ponto de vista do líder do BNG, o discurso do presidente do Goberno galego foi “pomposo e grandilocuente” nun ton “máis propio dun monarca do que do xefe dun Executivo que debe procurar solucións aos problemas da xente”.
Sobre o cántico permanente de Feijóo á austeridade, Guillerme ironiza dicindo que “o marco e a posta en escena do discurso, no interior da Cidade da Cultura, non parecen precisamente o mellor símbolo da austeridade”.
Guillerme ve “cínico” que o presidente da Xunta se arrogue como logro do seu goberno o suposto “diálogo social” cando ao longo de 2010 se produciron “mobilizacións masivas” contra o Executivo galego pola súa política antisocial e contraria á lingua galega. “A xente tivo que saír ás rúas para defender a sanidade pública frente á ameaza da privatización ou para demandar a retirada do Decretazo contra o galego”, salientou o portavoz nacional.
O líder do nacionalismo galego ve “ben” que se transmitan “palabras de alento” ás persoas que están no desemprego, pero vería ben “que se lles dixese que pensa facer o Goberno deste País” para que Galiza “non lidere, como liderou en Novembro, a destrución de desemprego no conxunto do Estado español”.
A respecto da chamada de Feijóo a unha acción unitaria das forzas políticas galegas, Guillerme considerouna “unha declaración efectista valeira de todo contido práctico” e avanzou que o BNG “non vai estar desde logo en ningún acción para avalar os recortes antisociais do Goberno galego”.
“Está ben falar de esperanza, pero a verdadeira esperanza non pasa polo continuismo, senón polo cambio das políticas económicas, para que se fagan ao servizo das maiorías e non da inmensa minoría, e pasa tamén polo reforzamento do autogoberno galego. Nada diso representa o señor Núñez Feijóo e o seu goberno”, alegou.
O portavoz nacional viu un “exceso de autocompracencia” no discurso de Feijóo e botou en falta calquera referencia “á dramática situación que atravesa o sector lácteo” ou ao “grave impacto que para a economía galega representa o Decreto do Carbón”.