29/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Vigo]
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou que é “unha desfachatez” a proposta de liñas áreas da Xunta para Peinador presentada onte. En resposta aos medios, criticou que o Goberno galego non ofreza nada novo e a única novidade sexa pedir máis cartos a Vigo para ter outro voo internacional despois de que o Concello asumise a achega para manter o voo a Londres.
O nacionalista lamentou a falta de capacidade negociadora dos actuais responsables da Xunta. Considera que “as cousas non se fan así”, xa que cos 1.200.000 euros, en Vigo “temos menos do que tiñamos”. Así precisou que se mantén Bruxelas, pero aínda sen coñecer ben en que condicións, e Sevilla desaparecerá si o Concello acepta financiar Milán. Santi Domínguez subliñou que xa que o Concello financia exclusivamente o voo a Londres, se a Xunta quere poñer unha liña internacional máis, neste caso Milán, ten que asumila ela soa. “A partir de aí poderíamos negociar outras liñas nas que podería entrar o Concello”, precisou.
A proposta presenta onte demostra, segundo dixo, que “a Xunta non sabe como acometer e planificar o espazo aeroportuario galego” e criticou que “esta falta de organización só vai beneficiar ás aeroliñas, que se fregan as mans”. Segundo asegurou o tenente de alcalde, para a Xunta sería “máis doado” partir do Plan Estratéxico de Peinador e manter as liñas que xa existían no aeroporto vigués, Londres, Bruxelas e Sevilla. Santi Domínguez defendeu a necesidade de consolidar esas liñas como prioridade.
O nacionalista afirmou que si se queren implantar novas liñas é preciso levar a cabo unha planificación dos tres aeroportos galegos “e non ir dando tumbos como está a facer a Xunta”. A este respecto, Santi Domínguez instou ao Goberno galego a facer unha planificación coordinada dos tres aeroportos galegos e no caso de Vigo partindo do Plan Estratéxico de Peinador xa presentado e aprobado no Parlamento galego.