15/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo remitiu un requirimento ao Concello de Marín no que se lle solicita que corrixa as deficiencias de integridade documental e do expediente administrativo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
En relación co expediente administrativo achegado, a Xunta considera que aínda que o procedemento de avaliación ambiental estratéxica xa tiña rematado no momento en que se procedeu á aprobación provisional, por canto a memoria ambiental emitiuse o 15 de abril de 2010, as súas determinacións teñen carácter vinculante e deberán reflectirse no documento do plan que se aprobe provisional e definitivamente.
 Concello de Marín deberá integrar no documento do seu PXOM as determinacións recollidas na memoria ambiental aprobada pola Xunta o 15 de abril de 2010 e as consideracións dos informes sectoriais desfavorables. No plan tamén deberán constar as determinacións que se conteñen nos distintos informes emitidos polos servizos técnicos e xurídicos municipais relativos á conformidade do plan coa lexislación vixente. En consecuencia, elaborarase un único texto refundido do PXOM do Concello de Marín que terá que ser sometido novamente a aprobación provisional polo Pleno Municipal.
Medio Ambiente sinala que é preciso que o documento que se remita trala aprobación provisional estea debidamente dilixenciado, deixando constancia de que o informe reflicte fielmente o aprobado provisionalmente, sen que haxa lugar a dúbidas.
O municipio tén que remitir, como parte integrante da tramitación medioambiental, o documento de inicio e a proposta de memoria ambiental. Ademais, no que se refire ao trámite de información pública, cómpre achegar as alegacións presentadas, coas correspondentes dilixencias.
 Xunta de Galicia manifesta que en relación aos informes que esixe a lexislación sectorial, non constan o informe da Delegación do Goberno en Galicia, documentos da consellería competente en conservación da natureza ou agricultura e informe do Patrimonio das Administracións Públicas.
No expediente, consta un certificado expedido pola Secretaría Municipal o 15 de xaneiro de 2010, relativo aos informes solicitados con ocasión do segundo trámite de información pública, pero non en relación ás solicitudes efectuadas con posterioridade. Ademais, móstranse varios informes desfavorables, polo que deberán incorporarse ao documento do plan todas as determinacións que se establecen nos informes sectoriais, someténdose de novo aos organismos competentes para que emitan informe favorable.
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo require ao Concello de Marín que envíe os documentos correspondentes a todas as fases de tramitación do PXOM tanto en formato papel como en soporte dixital. No que respecta ás contestacións ás alegacións presentadas nos dous períodos de información pública, deben presentarse debidamente foliadas, rubricadas e dilixenciadas.
Antecedentes
O Concello de Marín procedeu á aprobación provisional do seu plan en data 20 de abril de 2010, polo tanto antes da entrada en vigor da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes. Non obstante, o referido acordo de aprobación provisional adoptouse condicionado ao cumprimento dunha serie de cuestións derivadas dos diferentes informes sectoriais emitidos con carácter desfavorable.