29/12/10

Rosalía de Castro, agora e sempre...

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Manuel Lorenzo e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, inauguraron hoxe o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, na clausura do ano no que se conmemora o 125 aniversario do seu pasamento, e que, baixo o título “A contemporaneidade de Rosalía”, quixo reflectir que a obra da escritora galega foi anticipada ao seu tempo e aínda está vixente.
No acto, celebrado na Casa Museo de Rosalía de Castro, e no que tamén participou Helena Villar, presidenta da Fundación que leva o nome da poeta de Padrón, tivo lugar unha mesa redonda na que, baixo o título “Rosalía, vida e obra: pontes á modernidade”, participaron a escritora Marina Mayoral, o ex socio fundador de Rei Zentolo, Xosé Miranda e a directora xeral de Zenit TV, Ignacia Ceballos, coa moderación da editora Belén Fortes.
Na súa intervención, Marta González lembrou que durante todo 2010 a Secretaría Xeral da Igualdade quixo achegar a figura de Rosalía ás mulleres galegas e por elo, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, “un número importante de asociacións de mulleres visitaron esta casa museo de Rosalía para coñecer un pouco máis a súa vida e a súa obra” e co acto de hoxe, a Xunta de Galicia quixo rematar o ano “poñendo de manifesto a vixencia e a modernidade da obra de Rosalía, e das súas mensaxes, interpretada plasticamente na xa clásica imaxe da Rosalía warholiana de Rei Zentolo”.
A responsable de igualdade do goberno galego sinalou a importancia de “por de relevo unha vez mais a complexidade e a importancia no noso panorama cultural dunha figura senlleira da nosa literatura, tantas veces reducida a mera poeta romántica da morriña, sendo pola contra unha autora innovadora, cunha vertente social e comprometida fundamental”. “Rosalía supón, ademais, a irrupción na literatura galega da voz das mulleres, soamente anticipada un século antes por Francisca de Isla y Losada”.
Marta González destacou o feito de que a vida e as circunstancias familiares da autora de “Cantares Galegos”, que foron tan importantes na súa obra, “ás veces, foron utilizadas para desvalorizar o seu carácter pioneiro e facela pasar exclusivamente por unha figura romántica, enferma e torturada, dotada dunha enorme capacidade poética e cunha rica vida interior, esquecendo a súa faceta de ‘voz do pobo’, e a súa comprensión e coñecemento das difíciles situacións socioeconómicas e culturais do rural galego”.
A secretaria xeral da Igualdade rematou a súa intervención lembrando que “Rosalía é a poeta de Galicia, da súa paisaxe e das súas xentes, das súas festas e romarías, da vida cotiá, pero tamén dos seus problemas, da emigración, da fame, moito máis aló do tópico da galega nostálxica e chorosa” por iso, dixo, “resulta tan actual, e a súa obra sigue sendo obxecto continuado de traducións e estudos, de revisións e de múltiples lecturas aos ollos da sociedade actual”.
Pola súa banda, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, destacou o tributo rendido a Rosalía durante a celebración en 2010 do Ano do Libro e da Lectura en Galicia “con concertos, actos e intervencións, no que non faltou o noso apoio á Fundación Rosalía de Castro”. Neste sentido sinalou que “no nome de Rosalía temos un valor imprescindible do noso patrimonio cultural galego e sentimos que a súa proxección significa a expansión do noso país dun xeito importante e identitario”.
Respecto á “inmensa enerxía da súa escrita”, Francisco López subliñou “o dominio dos recursos formais e unha percepción humana moi anticipada ao seu tempo, que deixa pegada cada vez máis profunda á medida que as nosas sociedades avanzan na liberdade, na comprensión e na valoración da persoa, especialmente das mulleres”.
Do mesmo xeito, o director xeral do Libro reivindicou a vixencia de Rosalía e a súa contribución para ofrecer Galicia “con confianza e orgullo”, traballando para acadar “un sistema literario de primeira orde, unha industria editorial nos mellores parámetros de calidade e de profesionalidade”. Para Francisco López, “a contemporaneidade de Rosalía, a actualidade e presenza de Rosalía aínda ten moito que medrar; Rosalía, como gran autora clásica e universal, ten moito pracer literario e ten moita profundidade intelectual que dar, sen límites de tempo nin de espazo”.