16/12/10

 Redacción de MORRAZO TRIBUNA - [Pontevedra] [Vigo] [O Morrazo]
A portavoz de infraestruturas e urbanismo do g.p do BNG, Teresa Táboas afirmou hoxe, que “o PP non aposta por un marco territorial galego” e o Estatuto de Autonomía de Galiza recoñece a comarca e a parroquia rural con personalidade xurídica que non son recollidas nas DOT que tampouco aclaran o “futuro papel das Deputacións” dentro desta ordenación.
Ante o anuncio da aprobación das DOT realizado polo Presidente da Xunta, Núñez Feijoo, Táboas acusou ao PP de ter outros intereses que cualificou de, non ser precisamente “públicos” xa que “priman o mercado e a especulación”. Neste sentido, afirmou que as Directrices do Territorio provocarán “a perda de identidade da sociedade galega” , como consecuencia desta desfeita.
A nova ordenación do territorio será sometida ás recomendacións da Cámara galega e nese sentido, a deputada do BNG reiterou que “cumpre que se convertan nun motor de progreso en Galiza” e para iso, explicou que é necesario : protexer os recursos naturais, reequilibrar as zonas urbanas, potenciar o transporte público, ampliar a Rede natura, depurar as rías, renovación urbana e recuperación dos cascos históricos, ordenar o crecemento do solo industrial e residencial e medidas que permitan a integración de espazos urbanos e rurais.
Por outra banda, engadiu que, “o espazo rural conta cun sistema de asentamentos cunha alta dispersión con máis de 30.000 entidades de poboación e as DOT establecen que á acción ordenadora destes espazos debe contribuír a impulsar o desenvolvemento rural cos programas PRODER,AGADER, LEADER…
-Infraestruturas ferroviarias.
Para a deputada nacionalista, as DOT configuran a rede ferroviaria de alta velocidade como unha infraestrutura de enorme transcendencia para o desenvolvemento territorial da Galiza, sen embargo, “non potencian os trens de cercanías, como unha aposta decidida polo transporte público colectivo que artelle o noso país, e vemos así, como se están desmantelando as vías e estacións de tren dos pequenos Concellos ante a pasividade da Xunta de Galiza”.